UN ESPAZO SEN DOMINACIÓN MASCULINA
Unha muller avergoñada e medorenta achégase a Xesús secretamente, coa confianza de quedar curada dunha enfermidade que a humilla desde hai tempo. Arruinada polos médicos, soa e sen futuro, vén a Xesús cunha fe grande. Só busca unha vida máis digna e máis sa.
No transfundo do relato adivíñase un grave problema. A muller sofre perdas de sangue: unha enfermidade que a obriga a vivir nun estado de impureza ritual e discriminación. As leis relixiosas obrígana a evitar o contacto con Xesús e, con todo, é precisamente ese contacto o que a podería curar.
A curación prodúcese cando aquela muller, educada nunhas categorías relixiosas que a condenan á discriminación, logra liberarse da lei para confiar en Xesús. Naquel profeta, enviado de Deus, hai unha forza capaz de salvala. Ela «notou que o seu corpo estaba curado»; Xesús «notou a forza salvadora que saíra de el».
Este episodio, aparentemente insignificante, é un expoñente máis do que se recolle de maneira constante nas fontes evanxélicas: a actuación salvadora de Xesús, comprometido sempre en liberar á muller da exclusión social, da opresión do home na familia patriarcal e da dominación relixiosa dentro do pobo de Deus.
Sería anacrónico presentar a Xesús coma un feminista dos nosos días, comprometido na loita pola igualdade de dereitos entre muller e home. A súa mensaxe é máis radical: a superioridade do home e a submisión da muller non veñen de Deus. Por iso entre os seus seguidores ten de desaparecer. Xesús concibe o seu movemento como un espazo sen dominación masculina.
A relación entre homes e mulleres segue enferma, mesmo dentro da Igrexa. As mulleres non poden notar con transparencia «a forza salvadora» que sae de Xesús. É un dos nosos grandes pecados. O camiño da curación é claro: suprimir as leis, costumes, estruturas e prácticas que xeran discriminación da muller para poder facer da Igrexa un espazo sen dominación masculina.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




