UN CRISTIANISMO DE SEGUIMENTO
En tempos de crises é grande a tentación de buscarmos seguridade, volver a posicións fáciles e chamarmos de novo ás portas dunha relixión que nos protexa» de tanto problema e conflito.
Temos de revisarmos o noso cristianismo para ver se na Igrexa actual vivimos motivados pola paixón de seguir a Xesús ou andamos buscando «seguridade relixiosa». Segundo o coñecido teólogo alemán Johann Baptist Metz, este é o desafío máis grave ao que nos enfrontamos os cristiáns en Europa: decidírmonos entre unha «relixión burguesa» ou un «cristianismo de seguimento».
Seguir a Xesús non significa fuxirmos cara a un pasado xa morto, senón tratarmos de vivir hoxe co espírito que o animou a el. Como dixo alguén con enxeño, trátase de vivirmos hoxe «co aire de Xesús» e non «ao vento que máis sopra».
Este seguimento non consiste en buscarmos novidades nin en promovermos grupos de selectos, senón en facer de Xesús o eixo único das nosas comunidades, poñéndonos decididamente ao servizo do que el chamaba o reino de Deus.
Por iso, seguir a Xesús implica case sempre camiñarmos «a contraxeito», en actitude de rebeldía fronte a costumes, modas ou correntes de opinión que non concordan co espírito do Evanxeo.
E isto esixe non só non deixármonos domesticar por unha sociedade superficial e consumista, senón ata contradicir aos propios amigos e familiares cando nos invitan a seguirmos camiños contrarios ao Evanxeo.
Por iso, seguir a Xesús esixe estarmos dispostos á conflitividade e á cruz. Estar dispostos a compartirmos a súa sorte. Aceptar o risco dunha vida crucificada como a súa, sabendo que nos espera resurrección. Non seremos capaces de escoitar hoxe a chamada sempre viva de Xesús a seguilo?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire