TRES CHAMADAS DE XESÚS
O Evanxeo de Mateu recolleu tres chamadas de Xesús que habemos escoitar con atención os seus seguidores, pois poden transformar o clima de desalento, cansazo e aburrimento que ás veces se respira nalgúns sectores das nosas comunidades cristiás.
«Vinde a min todos os que estades fatigados e angustiados, e eu aliviareivos».
É a primeira chamada. Está dirixida a todos os que viven a súa relixión coma unha carga pesada. Non son poucos os cristiáns que viven angustiados pola súa conciencia. Non son grandes pecadores. Sinxelamente foron educados para ter sempre presente o seu pecado e non coñecen a alegría do perdón continuo de Deus. Se se atopan con Xesús sentiranse aliviados.
Hai tamén cristiáns cansos de viviren a súa relixión como unha tradición gastada. Se se atopan con Xesús aprenderán a viviren confiando nun Deus Pai. Descubrirán unha alegría interior que hoxe non coñecen. Seguirán a Xesús non por obrigación, senón por atracción.
«Cargade co meu xugo, porque é levadeiro, e a miña carga, lixeira».
É a segunda chamada. Xesús non angustia a ninguén. Ao contrario, libera o mellor que hai en nós, pois proponnos vivirmos facendo a vida máis humana, digna e sa. Non é doado atoparmos un modo máis apaixonante de vivir.
Xesús libera de medos e presións, non os introduce; fai crecer a nosa liberdade, non as nosas servidumes; esperta en nós a confianza, nunca a tristeza; atráenos cara ao amor, non cara a leis e preceptos. Invítanos a vivirmos facendo o ben.
«Aprendede de min, que son sinxelo e humilde de corazón, e atoparedes descanso para as vosas vidas».
É a terceira chamada. Temos de aprender de Xesús a vivirmos coma el. Xesús non complica a vida. Faina máis clara e sinxela, máis humilde e máis sa. Ofrece descanso. Non propón nunca aos seus seguidores algo que el non viviu. Por iso pode entender as nosas dificultades e os nosos esforzos, pode perdoar as nosas torpezas e erros, animándonos sempre a levantármonos.
Habemos centrar os nosos esforzos en promovermos un contacto máis vital con Xesús nas nosas comunidades, tan necesitadas de alento, descanso e paz. Entristéceme ver que é precisamente o seu modo de entender e de vivir a relixión o que conduce a non poucos, case inevitabelmente, a non coñeceren a experiencia de confiar en Xesús. Penso en tantas persoas que, dentro e fóra da Igrexa, viven «perdidas», sen saberen a que porta chamar. Sei que Xesús podería ser para elas a gran noticia.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire