A FORZA OCULTA
DO EVANXEO
A parábola do sembrador é unha invitación á esperanza. A sementeira do evanxeo, moitas veces inútil por diversas contrariedades e oposicións, ten unha forza incontida. A pesar de todos os obstáculos e dificultades, e aínda con resultados moi diversos, a semente termina en colleita fecunda que fai esquecer outros fracasos.
Non debemos perder a confianza por mor da aparente impotencia do reino de Deus. Sempre parece que «a causa de Deus» está en decadencia e que o evanxeo é algo insignificante e sen futuro. E con todo non é así. O evanxeo non é unha moral nin unha política, nin sequera unha relixión con maior ou menor porvir. O evanxeo é a forza salvadora de Deus «sementada» por Xesús no corazón do mundo e da vida dos homes.
Empuxados polo sensacionalismo dos actuais medios de comunicación, parece que só temos ollos para ver o mal. E xa non sabemos adiviñar esa forza de vida que se acha oculta baixo as aparencias máis desalentadoras.
Se puidésemos observar o interior das vidas, sorprenderíanos ao atoparmos tanta bondade, entrega, sacrificio, xenerosidade e amor verdadeiro. Hai violencia e sangue no mundo, pero crece en moitos o anhelo dunha verdadeira paz. Imponse o consumismo egoísta na nosa sociedade, pero son bastantes os que descobren o gozo dunha vida sinxela e compartida. A indiferenza parece apagar a relixión, pero en non poucas persoas espértase a nostalxia de Deus e a necesidade da pregaria.
A enerxía transformadora do evanxeo está aí traballando á humanidade. A sede de xustiza e de amor seguirá crecendo. A semente de Xesús non terminará en fracaso. O que se nos pide é acoller a semente.
Non estamos xa a descubrirmos en nós mesmos esa forza que non provén de nós e que nos convida sen cesar a crecer, a ser máis humanos, a transformarmos a nosa vida, a tecer relacións novas entre as persoas, a vivirmos con máis transparencia e a abrírmonos con máis verdade a Deus?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire