SEN APOIO SOCIAL?
Como podería a Igrexa recuperar o seu prestixio social e exercer de novo aquela influencia que tivo na nosa sociedade soamente hai algúns anos? Sen confesalo quizá en voz alta, son bastantes os que estrañan aqueles tempos en que a Igrexa podía anunciar a súa mensaxe desde plataformas privilexiadas que contaban co apoio do poder político.
Non demos loitar por recuperarmos outra vez ese poder perdido que nos permita facer unha «propaganda» relixiosa e moral eficaz, capaz de superar outras ideoloxías e correntes de opinión que se van impoñendo entre nós?
Non debemos desenvolver unhas estruturas relixiosas máis poderosas, fortalecer os nosos organismos e facer da Igrexa unha «empresa máis competitiva e rendíbel»?
Sen dúbida, no fondo desta inquietude hai unha vontade sincera de levar o evanxeo aos homes e mulleres do noso tempo, pero é ese o camiño a seguirmos? As palabras de Xesús, ao enviar aos seus discípulos sen pan nin alforxa, sen diñeiro nin túnica de reposto, insisten máis ben en «camiñar» pobremente, con liberdade, lixeireza e dispoñibilidade total.
O importante non é un equipamento que nos dea seguridade, senón a forza mesma do evanxeo vivido con sinceridade. O evanxeo penetra na sociedade non tanto a través de medios eficaces de propaganda, senón por medio de testemuñas que viven fielmente o seguimento a Xesús Cristo.
Son necesarias na Igrexa organización e estruturas. Pero só para soster a vida evanxélica dos crentes. Unha Igrexa cargada de excesiva equipaxe corre o risco de facerse sedentaria e conservadora. A longo prazo preocuparase máis de abastecerse a si mesma que de camiñar libremente ao servizo do reino de Deus.
Unha Igrexa máis desguarnecida, máis desprovista de privilexios e máis empobrecida de poder sociopolítico será unha Igrexa máis libre e capaz de ofrecer o evanxeo na súa verdade máis auténtica.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire