FERMENTO DUNHA VIDA MÁIS HUMANA
Sorprende ver con que frecuencia se dirixe Xesús aos seus discípulos para poñelos en garda contra unha falsa «impaciencia mesiánica» que non sabe respectar o ritmo da acción discreta pero vigorosa de Deus.
Aos que esperan del a posta en marcha dun movemento contundente e irresistíbel, capaz de terminar con outras correntes e alternativas, Xesús fálalles dunha acción de Deus máis humilde e respectuosa. O mundo é un campo de sementes opostas. E o reino de Deus crece aí, na densidade desa vida ás veces tan ambigua e complexa.
Aí está Deus salvando ao ser humano. Neses comportamentos colectivos, animados unhas veces por grandes ideais e outras por escuros egoísmos. Neses mil xestos que facemos cada día e onde se mestura a xenerosidade coas mesquindades máis inconfesábeis.
Aos que esperan o despregamento de algo espectacular e poderoso, Xesús fálalles dun reinado de Deus máis sinxelo e discreto. Algo que non está feito para desencadear movementos grandiosos de masas. O reino de Deus está xa actuando, pero ao modo dun gran de mostaza minúsculo e case irrisorio que xermina con humildade, ou coma un anaco imperceptíbel de fermento que se perde na masa fermentándoa desde dentro.
Ao reino de Deus non lle abriremos camiño lanzando excomuñóns sobre outros grupos, partidos ou ideoloxías, nin condenando todo o que non coincide co noso pensamento. Non o implantaremos na sociedade concentrando grandes masas ou logrando o aplauso pasaxeiro dos xentíos.
O reino de Deus é un «fermento de humanidade» e medra en calquera recuncho escuro do mundo onde se ama ao ser humano e onde se loita por unha humanidade máis digna. Ao reino de Deus abrirémoslle camiño deixando que a forza do evanxeo transforme o noso estilo de vivir, amar, traballar, gozar, loitar e ser.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





