EUCARISTÍA E CRISE ECONÓMICA
Sabémolo ben todos os cristiáns. A eucaristía dominical pode converterse fácilmente nun «refuxio relixioso» que nos protexe da vida conflitiva na que nos movemos ao longo da semana. É tentador ir a misa para compartirmos unha experiencia relixiosa que nos permite descansar dos problemas, tensións e malas noticias que nos presionan por todas partes.
Por veces somos sensíbeis ao que afecta á dignidade da celebración, pero preocúpanos xa menos esquecérmonos das esixencias que entraña celebrar a cea do Señor. Moléstanos que un sacerdote non se ateña estritamente á normativa ritual, pero podemos seguir celebrando rutineiramente a misa sen escoitarmos as chamadas do evanxeo.
O risco sempre é o mesmo: comulgar con Cristo no íntimo do corazón sen preocuparnos de comulgarmos cos irmáns que sofren. Compartir o pan da eucaristía e ignorarmos a fame de millóns de irmáns privados de pan, de xustiza e de futuro.
Nos próximos anos vanse a ir agravando os efectos da crise moito máis do que nos temiamos. A cascada de medidas que se nos ditan de xeito inapelábel e implacábel irá facendo crecer entre nós unha desigualdade inxusta. Iremos vendo como persoas da nosa contorna máis ou menos próxima se van empobrecendo ata quedar á mercé dun futuro incerto e imprevisíbel.
Coñeceremos de cerca inmigrantes privados de asistencia sanitaria, enfermos sen saberen como resolver os seus problemas de saúde ou medicación, familias obrigadas a viviren da caridade, persoas ameazadas por desafiuzamento, xente desasistida, mozas sen un futuro nada claro… Non o poderemos evitar. Ou endurecemos os nosos hábitos egoístas de sempre ou nos facemos máis solidarios.
A celebración da eucaristía no medio desta sociedade en crise pode ser un lugar de concienciación. Necesitamos liberarnos dunha cultura individualista que nos afixo a vivirmos pensando só nos nosos propios intereses, para aprendermos sinxelamente a sermos máis humanos. Toda a eucaristía está orientada a crearmos fraternidade.
Non é normal escoitar todos os domingos ao longo do ano o evanxeo de Xesús sen reaccionarmos perante as súas chamadas. Non podemos pedir ao Pai «o noso pan de cada día» sen pensarmos naqueles que teñen dificultades para obtelo. Non podemos comulgar con Xesús sen facérmonos máis xenerosos e solidarios. Non podemos darnos a paz uns aos outros sen estarmos dispostos a tender unha man aos que están máis sos e indefensos ante a crise.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire