COMO BENDICIR A MESA?
Case sen darnos conta e empuxados por diversos factores, fomos deshumanizando aos poucos ese xesto tan entrañábel e humano que é sentarse á mesa para comer xuntos.
A comida converteuse para moitos en algo puramente funcional que é necesario organizar de maneira rápida e precisa dentro da xornada laboral. Cada vez é máis raro ese momento privilexiado de encontro familiar ao redor da mesa. En moitos fogares, esa mesa feita para ser rodeada xa non serve para que pais e fillos se atopen, compartan as súas vidas, conversen e descansen xuntos.
Outros xa se van habituando a «alimentaren o seu organismo» nesas comidas impersoais dos restaurantes ou no recuncho do auto servizo de quenda. Non poucos vense obrigados a participar en comidas protocolarias ou de traballo, onde o xesto amigábel do comer xuntos é substituído polo interese, o pragmatismo ou a ostentación.
O xesto de Xesús convidando ás xentes a recostarse para compartiren xuntos unha comida sinxela, bendicindo a Deus polo pan que recibimos, pode ser unha chamada para nós. Como expón moi ben Xabier Basurko no seu estudo Compartir o pan, comer é moito máis do que «introducir unha determinada ración de calorías no organismo».
A necesidade de alimentarnos é, primeiro de nada, signo de nosa indixencia radical. Escuramente, os seres humanos percibimos que non nos fundamentamos a nós mesmos. En realidade vivimos recibindo, nutríndonos dunha vida que, a través da terra, se nos regala día a día a cada un. Por iso é un xesto profundamente humano recollerse antes de comer para agradecermos a Deus eses alimentos, froito do esforzo e traballo das mulleres e homes, pero, ao mesmo tempo, agasallo orixinario do Deus creador que sustenta a vida.
Pero, ademais, comer non é só un acto individualista de carácter biolóxico. O ser humano está feito para comer con outros, compartindo a súa mesa con familiares e amigos. Comer xuntos é confraternizar, dialogar, crecer en amizade, compartir o agasallo da vida.
Por iso é tan difícil dar grazas a Deus cando un ten máis comida que a que necesita mentres outros sofren miseria e fame. Sentímonos acusados por aquelas palabras de Gandhi: «Todo o que comes sen necesidade estás a roubarllo ao estómago dos pobres». Talvez nos países do benestar temos de aprendermos a bendicir a mesa doutra maneira: dando grazas a Deus, pero, ao mesmo tempo, pedindo perdón pola nosa insolidariedade e tomando conciencia da nosa responsabilidade ante os famentos da Terra.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




