APRENDER A CRER DESDE A DÚBIDA
Non é fácil responder con sinceridade a esa pregunta que Xesús lle fai a Pedro no momento mesmo en que o salva das augas: «Por que dubidaches?».
Ás veces, as máis fondas conviccións desvanécensenos e os ollos da alma túrbansenos sen sabermos exactamente por que. Principios aceptados ata entón como inconmovíbeis comezan a cambalearse. E esperta en nós a tentación de abandonar todo sen reconstruír nada novo.
Outras veces, o misterio de Deus fáisenos abafador. A última palabra sobre a miña vida escápame e é duro abandonarme ao misterio: a miña razón segue buscando insatisfeita unha luz clara e apodíctica que non atopa nin poderá xamais atopar.
Non poucas veces a superficialidade e lixeireza da nosa vida cotiá e o culto secreto a tantos ídolos mergúllannos en longas crises de indiferenza e escepticismo interior, coa sensación de perdermos realmente a Deus.
Con frecuencia é o noso propio pecado o que quebranta a nosa fe, pois esta decae e debilítase cando nos afastamos de Deus. Se somos sinceros, habemos confesar que hai unha distancia enorme entre o crente que profesamos ser e o crente que somos en realidade. Que facer ao constatarmos en nós unha fe ás veces tan fráxil e vacilante?
O primeiro, non desesperar nin asustarnos ao descubrirmos en nós dúbidas e vacilacións. A procura de Deus vívese case sempre na inseguridade, na escuridade e o risco. A Deus búscaselle «ás apalpadelas». E non habemos esquecer que moitas veces «a fe xenuína só pode aparecer como dúbida superada» (Ladislao Boros).
O importante é aceptar o misterio de Deus co corazón aberto. A nosa fe depende da verdade da nosa relación con el. E non fai falta esperar a que os nosos interrogantes e dúbidas se resolvan para vivirmos en verdade ante ese Pai.
Por iso o importante é saber gritar coma Pedro: «Señor, sálvame». Saber levantar cara a Deus as nosas mans baleiras, non só como xesto de súplica, senón tamén de entrega confiada de alguén que se sabe pequeno, ignorante e necesitado de salvación. Non esquezamos que a fe é «camiñar sobre auga», pero coa posibilidade de atopar sempre esa man que nos salva cando comezamos a afundirnos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




