SABERMOS VIVIR
Cantas veces temos escoitado: «O que verdadeiramente importa é sabermos vivir». E, con todo, non nos resulta nada fácil explicarmos que é en verdade «sabermos vivir». Con frecuencia, a nosa vida é demasiado rutineira e monótona. De cor gris.
Pero hai momentos nos que a nosa existencia se volve feliz, se transfigura, aínda que sexa de xeito fugaz. Momentos nos que o amor, a tenrura, a convivencia, a solidariedade, o traballo creador ou a festa adquiren unha intensidade diferente. Sentímonos vivir. Desde o fondo do noso ser dicímonos a nós mesmos: «Isto é vida».
O evanxeo de hoxe recórdanos unhas palabras de Xesús que nos poden deixar un tanto desconcertados: «Asegúrovos: quen cre ten vida eterna». A expresión «vida eterna» non significa simplemente unha vida logo de duración ilimitada tras da morte.
Trátase, primeiro de nada, dunha vida de profundidade e calidade novas, unha vida que pertence ao mundo definitivo. Unha vida que non pode ser destruída por un bacilo nin ficar truncada no cruzamento de calquera estrada. Unha vida plena que vai máis aló de nós mesmos, porque é xa unha participación na vida mesma de Deus.
A tarefa máis apaixonante que temos todos ante nós é a de sermos cada día máis humanos, e os cristiáns creemos que o xeito máis auténtico de vivirmos humanamente é a que nace dunha adhesión total a Xesús Cristo. «Ser cristián significa ser home, non un tipo de home, senón o home que Cristo crea en nós» (Dietrich Bonhoeffer).
Quizá teñamos que empezar por crermos que a nosa vida pode ser máis plena e profunda, máis libre e gozosa. Quizá teñamos que atrevernos a vivir o amor con máis radicalidade para descubrirmos un pouco o que é «ter vida abundante». Un escrito cristián atrévese a dicir: «Sabemos que pasamos da morte á vida cando amamos aos nosos irmáns» (1 Xoán 3,14).
Pero non se trata de amar porque nos dixeron que amemos, senón porque nos sentimos radicalmente amados. E porque creemos cada vez con máis firmeza que «a nosa vida está oculta con Cristo en Deus». Hai unha vida, unha plenitude, un dinamismo, unha liberdade, unha tenrura que «o mundo non pode dar». Só a descobre quen acerta a arraigar a súa vida en Xesús Cristo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



