SEN CAMIÑOS CARA A DEUS
Son moitas as persoas que non son nin crentes nin increntes. Sinxelamente instaláronse nunha forma de vida na que non pode aparecer a pregunta polo sentido último da existencia. Máis que de increnza deberiamos falar nestes casos dunha falta de condicións indispensábeis para que a persoa poida adoptar unha postura crente ou incrente.
Son homes e mulleres que carecen dunha «infraestructura interior». O seu estilo de vida impídelles pórse en contacto un pouco profundo consigo mesmos. Non se achegan nunca ao fondo do seu ser. Non son capaces de escoitaren as preguntas que xorden desde o seu interior.
Con todo, para adoptar unha postura responsábel ante o misterio da vida é indispensábel chegar ata o fondo dun mesmo, ser sincero e abrirse á vida honestamente ata o final.
Trala crise relixiosa de moitas persoas, non se agocha con frecuencia unha crise anterior? Se tantos parecen afastarse hoxe de Deus, non é porque antes xa se afastaron de si mesmos e instaláronse nun nivel de existencia onde Deus xa non pode ser escoitado?
Cando alguén se contenta cun benestar feito de cousas, e o seu corazón está atrapado só por preocupacións de orde material, pode seica suscitarse lucidamente a pregunta por Deus?
Cando unha persoa anda buscando sempre a satisfacción inmediata e o pracer a calquera prezo, pode abrirse con fondura ao misterio último da existencia?
Cando un vive privado de interioridade, esforzándose por aparentar ou ostentar unha determinada imaxe de si mesmo ante os demais, pode pensar sinceramente no sentido último da súa vida?
Cando unha persoa vive vertida sempre cara ao exterior, perdéndose nas mil formas de evasión e divertimento que ofrece esta sociedade, pode atoparse realmente consigo mesma/o e preguntarse polo seu último destino?
«Preparádelle o camiño ao Señor». Este grito de Xoán Bautista non perdeu actualidade. Sexamos conscientes ou non diso, Deus está sempre vindo a nós. Podemos de novo atopármonos con el. A fe pode espertar outra vez no noso corazón. O primeiro que necesitamos é atopármonos con nós mesmos con máis fondura e sinceridade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire