O RISCO DE INSTALARSE
Tarde ou cedo, todos corremos o risco de instalármonos na vida, buscando un refuxio cómodo que nos permita vivir tranquilos, sen sobresaltos nin preocupacións excesivas, renunciando a calquera outra aspiración.
Logrado xa un certo éxito profesional, encarreirada a familia e asegurado, dalgún xeito, o porvir, é fácil deixarse atrapar por un conformismo cómodo que nos permita seguir camiñando na vida do xeito máis confortábel.
É o momento de buscarmos unha atmosfera agradábel e acolledora. Vivir relaxado nun ambiente feliz. Facer do fogar un refuxio entrañábel, un recuncho para ler e escoitar boa música. Saborear unhas boas vacacións. Asegurar uns fins de semana agradábeis…
Pero, con frecuencia, é daquela cando a persoa descobre con máis claridade do que nunca que a felicidade non coincide co benestar. Falta nesa vida algo que nos deixa baleiros e insatisfeitos. Algo que non se pode comprar con diñeiro nin asegurar cunha vida confortábel. Falta sinxelamente a alegría propia de quen sabe vibrar cos problemas e necesidades dos demais, sentirse solidario cos necesitados e vivir, dalgún xeito, máis perto dos maltratados pola sociedade.
Pero hai ademais un modo de «instalarse» que pode ser falsamente reforzado con «tons cristiáns». É a eterna tentación de Pedro que nos axexa sempre aos crentes: «plantar tendas no alto da montaña». É dicir, buscar na relixión o noso benestar interior, eludindo a nosa responsabilidade individual e colectiva no logro dunha convivencia máis humana.
E, con todo, a mensaxe de Xesús é clara. Unha experiencia relixiosa non é verdadeiramente cristiá se nos illa dos irmáns e nos instala comodamente na vida e nos afasta do servizo aos máis necesitados.
Se escoitamos a Xesús, sentirémonos invitados a saírmonos do noso conformismo, romper cun estilo de vida egoísta no que estamos talvez confortabelmente instalados e empezar a vivirmos máis atentos á interpelación que nos chega desde os máis desvalidos da nosa sociedade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire