NOVA IDENTIDADE CRISTIÁ
Para ser cristián, o máis decisivo non é o resumo das cousas que cre unha persoa, senón a relación que vive con Xesús. As crenzas, polo xeral, non cambian a nosa vida. Un pode crer que existe Deus, que Xesús resucitou e moitas cousas máis, e non ser un bo cristián. O que nos pode transformar é a adhesión a Xesús e o contacto con el.
Nos evanxeos podemos ler unha escena que, tradicionalmente, se deu en chamar a «transfiguración» de Xesús. Xa non é posíbel reconstruírmos a experiencia histórica que deu orixe ao relato. Só sabemos que era un texto moi querido entre os primeiros cristiáns, pois, entre outras cousas, animábaos a creren só en Xesús.
A escena sitúase nunha «montaña alta». Xesús está acompañado de dúas personaxes lendarias na historia xudía: Moisés, representante da Lei, e Elías, o profeta máis querido en Galilea. Só Xesús aparece co rostro transfigurado. Desde o interior dunha nube escóitase unha voz: «Este é o meu fillo querido. Escoitádeo a el».
O importante non é crer en Moisés, nin en Elías, senón escoitar a Xesús e oír a súa voz, a do Fillo amado. O máis decisivo non é crer na tradición nin nas institucións, senón centrar a nosa vida en Xesús. Vivirmos unha relación consciente e cada vez máis comprometida con Xesús Cristo. Só entón se pode escoitar a súa voz no medio da vida, na tradición cristiá e na Igrexa.
Só esta comuñón crecente con Xesús vai transformando a nosa identidade e os nosos criterios, vai curando o noso xeito de ver a vida, vainos liberando de escravitudes, vai facendo medrar a nosa responsabilidade evanxélica.
Desde Xesús podemos vivir de xeito diferente. Xa as persoas non son simplemente atractivas ou desagradábeis, interesantes ou sen interese. Os problemas non son asunto de cada quen. O mundo non é un campo de batalla onde cada un se defende como pode. Empézanos a doer o sufrimento dos máis indefensos. Atrevámonos a traballar por un mundo un pouco máis humano. Podémonos parecer máis a Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



