A QUEN ESCOITAR
Os cristiáns temos oído falar desde nenos dunha escena evanxélica chamada tradicionalmente a «transfiguración de Xesús». Xa non é posíbel saber con seguridade como se orixinou o relato. Quedou recollido na tradición cristiá sobre todo por dous motivos: axudáballes a recordaren o misterio encerrado en Xesús e invitábaos a escoitalo só a el.
No cume dunha «montaña alta», os discípulos máis próximos ven a Xesús co rostro «transfigurado». Acompáñano dúas personaxes lendarias da historia de Israel: Moisés, o gran lexislador do pobo, e Elías, o profeta de lume que defendeu a Deus con celo abrasador.
As dúas personaxes, representantes da Lei e os Profetas, teñen o rostro apagado: só Xesús irradia luz. Por outra banda, non proclaman mensaxe algún, veñen conversar con Xesús: só este ten a última palabra. Só el é a clave para ler calquera outra mensaxe.
Pedro non parece habelo entendido. Propón facer «tres cabanas», unha para cada un. Pon aos tres no mesmo plano. Non captou a novidade de Xesús. A voz xurdida da nube vai aclarar as cousas: «Este é o meu Fillo, o escollido. Escoitádeo». Non hai que escoitar a Moisés ou a Elías, senón a Xesús, o «Fillo amado». As súas palabras e a súa vida descóbrennos a verdade de Deus.
Vivir escoitando a Xesús é unha experiencia única. Por fin estamos escoitando a alguén que di a verdade. Alguén que sabe por que e para que vivir. Alguén que ofrece as claves para construír un mundo máis xusto e digno do ser humano.
Os seguidores de Xesús non vivimos de calquera crenza, norma ou rito. Unha comunidade vaise facendo cristiá cando vai poñendo no seu centro o Evanxeo e só o Evanxeo. Aí aventúrase, arríscase, xógase a nosa identidade. Non é fácil imaxinar un feito social máis humanizador do que un grupo de crentes escoitando xuntos o «relato de Xesús». Cada domingo podemos sentir a súa chamada a mirarmos a vida con ollos diferentes e a vivila con máis responsabilidade, construíndo un mundo máis habitábel.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire