ACOLLERMOS A DEUS
Xesús apareceu en Galilea cando o pobo xudeu vivía nunha profunda crise relixiosa. Levaban moito tempo sentindo a lonxanía de Deus. Os ceos estaban «fechados». Unha especie de muro invisíbel parecía impedir a comunicación de Deus co seu pobo. Ninguén era capaz de escoitar a súa voz. Xa non había profetas. Ninguén falaba impulsado polo seu Espírito.
O máis duro era esa sensación de que Deus nos esqueceu. Xa non lle preocupaban os problemas de Israel. Por que permanecía oculto? Por que estaba tan lonxe? Seguramente moitos recordaban a ardente oración dun antigo profeta que rezaba así a Deus: «Oxalá resgaras e rachases o ceo e baixases».
Os primeiros que escoitaron o evanxeo de Marcos tiveron e ficaren sorprendidos. Segundo o seu relato, ao saír das augas do Xordán, logo de ser bautizado, Xesús «viu resgarse o ceo» e experimentou que «o Espírito de Deus baixaba sobre del». Por fin era posíbel o encontro con Deus. Sobre a terra camiñaba un home cheo do Espírito de Deus. Chamábase Xesús e viña de Nazaret.
Ese Espírito que descende sobre del é o alento de Deus que crea a vida, a forza que renova e cura aos viventes, o amor que o transforma todo. Por iso Xesús dedícase a liberar a vida, a curala e facela máis humana. Os primeiros cristiáns non quixeron ser confundidos cos discípulos do Bautista. Eles sentíanse bautizados por Xesús co seu Espírito.
Sen ese Espírito todo se apaga no cristianismo. A confianza en Deus desaparece. A fe debilítase. Xesús fica reducido a unha personaxe do pasado, o Evanxeo convértese en letra morta. O amor arrefríase e a Igrexa non pasa de ser unha institución relixiosa máis.
Sen o Espírito de Xesús, a liberdade afoga, a alegría apágase, a celebración convértese en costume, a comuñón rómpese. Sen o Espírito a misión esquécese, a esperanza morre, os medos aumentan, o seguimento deXesús termina en mediocridade relixiosa.
O noso maior problema é o esquecemento de Xesús e o descoido do seu Espírito. É un erro pretender lograr con organización, traballo, devocións ou estratexias diversas o que só pode nacer do Espírito. Temos de volver á raíz, recuperarmos o Evanxeo en toda o seu frescura e verdade, bautizármonos co Espírito de Xesús.
Non temos de enganármonos. Se non nos deixamos reavivar e recrear por ese Espírito, os cristiáns non temos nada importante que aportar á sociedade actual tan baleira de interioridade, tan incapacitada para o amor solidario e tan necesitada esperanza.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire