APRENDERMOS A ADORAR A DEUS
Hoxe fálase moito de crise de fe, pero apenas se di algo sobre a crise do sentimento relixioso. E, con todo, como apunta algún teólogo, o drama do home contemporáneo non é, talvez, a súa incapacidade para crer, senón a súa dificultade para sentir a Deus como Deus. Incluso os mesmos que se din crentes parecen estar a perderen capacidade para viviren certas actitudes relixiosas ante Deus.
Un exemplo claro é a dificultade para adoralo. En tempos non moi afastados parecía fácil sentir reverencia e adoración ante a inmensidade e o misterio insondábel de Deus. É máis difícil hoxe adorarmos a quen temos reducido a un ser estraño, incómodo e superfluo.
Para adorar a Deus é necesario sentírmonos criaturas, infinitamente pequenas ante el, pero infinitamente amadas por el; admirarmos a súa grandeza insondábel e gustarmos a súa presenza próxima e amorosa que envolve todo o noso ser. A adoración é admiración. É amor e entrega. É rendermos o noso ser a Deus e ficarmos en silencio agradecido e gozoso ante el, admirando o seu misterio desde nosa pequenez.
A nosa dificultade para adorarmos provén de raíces diversas. Quen vive atordado interiormente por toda clase de ruídos e zarandeado por mil impresións pasaxeiras, sen deterse nunca ante o esencial, dificilmente atopará «o rostro adorábel» de Deus.
Por outra banda, para adorarmos a Deus é necesario detérmonos ante o misterio do mundo e sabermos miralo con amor. Quen mira a vida amorosamente ata o fondo comezará a albiscar as pegadas de Dios antes do que sospeita. Só Deus é adorábel. Nin as cousas máis valiosas nin as persoas máis amadas son dignas de seren adoradas coma el. Por iso só quen é libre interiormente pode adorar a Deus de verdade.
Esta adoración a Deus non afasta do compromiso. Quen adora a Deus loita contra todo o que destrúe o ser humano, que é a súa «imaxe sacra». Quen adora ao Creador respecta e defende a súa creación. Están intimamente unidas adoración e solidariedade, adoración e ecoloxía. Enténdense as palabras do gran científico e místico Teilhard de Chardin: «Canto máis o home se faga home, máis experimentará a necesidade de adorar».
O relato dos Magos ofrécenos un modelo de auténtica adoración. Estes sabios saben miraren o cosmos ata o fondo, captar signos, achegárense ao Misterio e ofreceren a súa humilde homenaxe a ese Deus encarnado na nosa existencia.
Os crentes temos imaxes moi diversas de Deus. Desde nenos imos facendo a nosa propia idea del, condicionados, sobre todo, polo que imos escoitando a catequistas e predicadores, o que se nos transmite na casa e no colexio ou polo que vivimos nas celebracións e actos relixiosos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire