VIVIR DA SÚA PRESENZA
O relato de Xoán non pode ser máis suxestivo e interpelante. Só cando ven a Xesús resucitado no medio deles, o grupo de discípulos transfórmase. Recuperan a paz, os seus medos desaparecen, énchense dunha alegría descoñecida, notan o alento de Xesús sobre deles e abren as portas porque se senten enviados a viviren a mesma misión que el recibira do Pai.
A crise actual da Igrexa, os seus medos e a súa falta de vigor espiritual teñen a súa orixe nun nivel profundo. Con frecuencia, a idea da resurrección de Xesús e da súa presenza no medio de nós é máis unha doutrina pensada e predicada do que unha experiencia vivida.
Cristo resucitado está no centro de la Igrexa, pero a súa presenza viva non está arraigada en nós, non está incorporada á substancia das nosas comunidades, non nutre os nosos proxectos. Tras vinte séculos de cristianismo, Xesús non é coñecido nin comprendido na súa orixinalidade. Non é amado nin seguido como o foi polos seus primeiros discípulos e discípulas.
Nótase enseguida cando un grupo ou unha comunidade cristiá se sente habitada por esa presenza invisíbel, pero real e operante, de Cristo resucitado. Non se contentan con seguir rutineiramente as directrices que regulan a vida eclesial. Posúen unha sensibilidade especial para escoitar, buscar, lembrar e aplicar o evanxeo de Xesús. Son os espazos máis sans e vivos de la Igrexa.
Nada nin ninguén nos pode achegar hoxe a forza, a alegría e a creatividade que necesitamos para enfrontarnos a unha crise sen precedentes como pode facelo a presenza viva de Cristo resucitado. Privados do seu vigor espiritual, non sairemos da nosa pasividade case innata, continuaremos coas portas pechadas ao mundo moderno, seguiremos facendo «o mandado», sen alegría nin convicción. Onde atoparemos a forza que necesitamos para recrear e reformar a Igrexa?
Temos de reaccionar. Necesitamos de Xesús máis do que nunca. Necesitamos vivirmos da súa presenza viva, lembrarmos en toda ocasión os seus criterios e o seu Espírito, repensarmos constantemente a súa vida, deixarlle ser o inspirador da nosa acción. El pódenos transmitir máis luz e máis forza que ninguén. El está no medio de nós comunicándonos a súa paz, a súa alegría e o seu Espírito.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



