BARRO ANIMADO POLO ESPÍRITO
Xoán coidou moito a escena na que Xesús vai confiar aos seus discípulos a súa misión. Quere deixar ben claro que é o esencial. Xesús está no centro da comunidade, enchendo a todos da súa paz e alegría. Pero aos discípulos espéralles unha misión. Xesús non os convocou só para gozaren del, senón para facelo presente no mundo.
Xesús «envíaos». Non lles di en concreto a quen teñen de ir, que han facer ou como van actuar: «Como o Pai me enviou, tamén así vos envío eu». A súa tarefa é a mesma ca de Xesús. Non teñen outra: a que Xesús recibiu do Pai. Teñen de seren no mundo o que foi el.
Xa viron a quen se achegou, como tratou aos máis desvalidos, como levou adiante o seu proxecto de humanizar a vida, como sementou xestos de liberación e de perdón. As feridas das súas mans e do seu costado recórdanlles a súa entrega total. Xesús envíaos agora para que «reproduzan» a súa presenza entre as xentes.
Pero sabe que os seus discípulos son fráxiles. Máis dunha vez ficou sorprendido da súa «fe pequena». Necesitan o seu propio Espírito para cumpriren a súa misión. Por iso disponse para facer con eles un xesto moi especial. Non lles impón as súas mans nin os bendí, como facía cos enfermos e os pequenos: «Exhala o seu alento sobre eles e dilles: Recibide o Espírito Santo».
O xesto de Xesús ten unha forza que non sempre sabemos captar. Segundo a tradición bíblica, Deus modelou Adán do «barro»; logo soprou sobre el o seu «alento de vida»; e aquel barro converteuse nun «vivinte». Iso é o ser humano: un pouco barro alentado polo Espírito de Deus. E iso será sempre a Igrexa: barro alentado polo Espírito de Xesús.
Crentes fráxiles e de fe pequena: cristiáns de barro, teólogos de barro, sacerdotes e bispos de barro, comunidades de barro? Só o Espírito de Xesús nos converte en Igrexa viva. As zonas onde o seu Espírito non é acollido fican «mortas». Fannos dano a todos, pois impídennos actualizarmos a súa presenza viva entre nós. Moitos non poden captar en nós a paz, a alegría e a vida renovada por Cristo. Non habemos bautizar só con auga, senón infundirmos o Espírito de Xesús. Non só habemos falar de amor, senón amar ás persoas coma el.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire