ABRIRMOS AS PUERTAS
O evanxeo de Xoán describe con trazos escuros a situación da comunidade cristiá cando no seu centro falta Cristo resucitado. Sen a súa presenza viva, a Igrexa convértese nun grupo de homes e mulleres que viven «nunha casa coas portas pechadas, por medo aos xudeus».
Coas «portas pechadas» non se pode escoitar o que sucede fóra. Non é posíbel captar a acción do Espírito no mundo. Non se abren espazos de encontro e diálogo con ninguén. Apágase a confianza no ser humano e crecen os receos e prexuízos. Pero unha Igrexa sen capacidade de dialogar é unha traxedia, pois os seguidores de Xesús estamos chamados a actualizarmos hoxe o eterno diálogo de Deus co ser humano.
O «medo» pode paralizar a evanxelización e bloquear as nosas mellores enerxías. O medo lévanos a rexeitar e condenar. Con medo non é posíbel amar o mundo. Pero, se non o amamos, non o estamos mirando como o mira Deus. E, se non o miramos cos ollos de Deus, como comunicaremos a súa Boa Noticia?
Se vivimos coas portas pechadas, quen deixará o curro para buscar as ovellas perdidas? Quen se atreverá a tocar a algún leproso excluído? Quen se sentará á mesa con pecadores ou prostitutas? Quen se achegará aos esquecidos pola relixión? Os que queiran buscar ao Deus de Xesús atoparannos coas portas pechadas.
A nosa primeira tarefa é deixarmos entrar ao Resucitado a través de tantas barreiras que levantamos para defendérmonos do medo. Que Xesús ocupe o centro das nosas igrexas, grupos e comunidades. Que só el sexa fonte de vida, de alegría e de paz. Que ninguén ocupe o seu lugar. Que ninguén se apropie da súa mensaxe. Que ninguén impoña un estilo diferente ao seu.
Xa non temos o poder doutros tempos. Sentimos a hostilidade e o rexeitamento na nosa contorna. Somos fráxiles. Necesitamos máis do que nunca abrírmonos ao alento do Resucitado para acollermo o seu Espírito Santo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




