FACÉRMONOS MÁIS CRISTIÁNS
Isto que eu vivo é fe? Como se fai un máis crente? Que pasos hai que dar? Son preguntas que lles escoito con frecuencia a persoas que desexan facer un percorrido interior cara a Xesús Cristo, pero non saben ben que camiño seguiren. Cada un ten de escoitar a súa propia chamada, pero pódenos facer ben a todos recordar cousas esenciais.
Crer en Xesús Cristo non é ter unha opinión sobre el. Faláronme moitas veces del´. Mesmo, talvez, lin algo sobre a súa vida; atráeme a súa personalidade; teño unha idea da súa mensaxe. Non abonda. Se quero vivir unha nova experiencia do que é crer en Cristo, teño que mobilizar todo o meu mundo interior.
É moi importante non pensarmos en Cristo como alguén ausente e afastado. Non quedarnos no «Neno de Belén», no «Mestre de Galilea» ou no «Crucificado do Calvario». Non reducilo tampouco a unha idea ou a un concepto. Cristo é unha «presenza viva», alguén que está na nosa vida e con quen podemos comunicarnos na aventura de cada día.
Non pretendas imitalo rapidamente. Antes é mellor penetrar nunha comprensión máis íntima da súa persoa. Deixarnos seducir polo seu misterio. Captarmos o Espírito que lle fai vivir dun xeito tan humano. Intuírmos a forza do seu amor ao ser humano, a súa paixón pola vida, a súa tenrura cara ao débil, a súa confianza total na salvación de Deus.
Un paso decisivo pode ser ler os evanxeos para buscarmos persoalmente a verdade de Xesús. Non fai falta saber moito para entendermos a súa mensaxe. Non é necesario dominar as técnicas máis modernas de interpretación. O decisivo é ir ao fondo desa vida desde a miña propia experiencia. Gardar as súas palabras dentro do corazón. Alimentarmos o gusto da vida co fogo do seu lume.
Ler o evanxeo non é exactamente atopar «receitas» para vivirmos. É outra cousa. É experimentar que, vivindo coma el, pódese vivir de xeito diferente, con liberdade e alegría interiores. Os primeiros cristiáns vivían con esta idea: ser cristián é «revestirse de Cristo», reproducirmos en nós a súa vida. Isto é o esencial. Por iso, cando dous discípulos lle preguntan a Xesús: «Mestre, onde vives?», que é para ti vivir? El respóndelles convidándoos: «Vinde e veredes».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire