SEGUIRMOS A XESÚS
Dous discípulos, orientados polo Bautista, deciden seguiren a Xesús. Durante un certo tempo camiñan tras el en silencio. Non tiveran aínda un verdadeiro contacto. De súpeto, Xesús vólvese e failles unha pregunta decisiva: «Que buscades?». Que esperades de min?
Eles respóndenlle con outra pregunta: Rabí, «onde vives?». Cal é o segredo da túa vida? Que é para ti vivir? Xesús contéstalles: «Vinde! E xa o veredes». Facede vós mesmos a experiencia. Non busquedes outra información. Vinde convivir comigo. Descubriredes quen son e como podo transformar a vosa vida.
Este pequeno diálogo pode botar máis luz sobre o esencial da fe cristiá do que moitas palabras complicadas. En definitiva, que é o decisivo para ser cristián?
En primeiro lugar, buscar. Cando un non busca nada na vida e se conforma con «ir tirando» ou ser «un vividor», non é posíbel atoparse con Xesús. A mellor maneira de non entender nada sobre a fe cristiá é non ter interese por vivir de maneira acertada.
O importante non é buscar algo, senón buscar a alguén. Non descartemos nada. Se un día sentimos que a persoa de Xesús «nos toca», é o momento de deixármonos alcanzar por el, sen resistencias nin reservas. Hai que esquecer conviccións e dúbidas, doutrinas e esquemas. Non se nos pide que sexamos máis relixiosos nin máis piadosos. Só que o sigamos.
Non se trata de coñecer «cousas» sobre Xesús, senón de sintonizar con el, interiorizar as súas actitudes fundamentais e experimentar que a súa persoa fainos ben, reaviva o noso espírito e nos infunde forza e esperanza para vivirmos. Cando isto se produce, empeza un a darse conta do pouco que cría nel, do mal que entendera case todo.
Pero o decisivo para ser cristián, é tratar de vivir como vivía el, aínda que sexa de maneira pobre e sinxela. Crer no que el creu, dar importancia ao que el llo daba, interesarse polo que el se interesou. Mirar a vida como a miraba el, tratar ás persoas como el as trataba: escoitar, acoller e acompañar como facía el. Confiar en Deus como el confiaba, orar como oraba el, contaxiar esperanza como el a contaxiaba. Que se sente cando un trata de vivir así? Non é isto aprendermos a vivir?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire