O VIÑO BO
Xesús foi coñecido sempre como o fundador do cristianismo. Hoxe, con todo, comeza a abrirse paso outra actitude: Xesús é de todos, non só dos cristiáns. A súa vida e a súa mensaxe son patrimonio da humanidade.
Ninguén en Occidente ha ter un poder tan grande sobre os corazóns. Ninguén expresou mellor do que el as inquietudes e interrogantes do ser humano. Ninguén espertou tanta esperanza. Ninguén comunicou unha experiencia tan sa de Deus sen proxectar sobre el ambicións, medos e pantasmas. Ninguén se achegou á dor humana de xeito tan fondo e entrañábel. Ninguén abriu unha esperanza tan firme ante o misterio da morte e a finitude humana.
Dous mil anos sepárannos de Xesús, pero a súa persoa e a súa mensaxe seguen atraendo a moitos. É verdade que interesa pouco nalgúns ambientes, pero tamén é certo que o paso do tempo non borrou a súa forza sedutora nin ten amortecido o eco da súa palabra.
Hoxe, cando as ideoloxías e relixións experimentan unha crise profunda, a figura de Xesús escapa a toda doutrina e transcende toda relixión, para invitar directamente aos homes e mulleres de hoxe a unha vida máis digna, ditosa e esperanzada.
Os primeiros cristiáns experimentaron a Xesús como fonte de vida nova. Del recibían un alento diferente para viviren. Sen el, todo se lles volvía de novo seco, estéril, apagado. O evanxelista Xoán redacta o episodio da voda de Caná para presentar simbolicamente a Xesús como portador dun «viño bo», capaz de reavivar o espírito.
Xesús pode ser hoxe fermento de nova humanidade. A súa vida, a súa mensaxe e a súa persoa invitan a inventar formas novas de vida sa. El pode inspirar camiños máis humanos nunha sociedade que busca o benestar afogando o espírito e matando a compaixón. El pode espertar o gusto por unha vida máis humana en persoas baleiras de interioridade, pobres de amor e necesitadas de esperanza.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire