PEDIRMOS CON FE
A oración de petición foi obxecto dunha forte crítica ao longo destes anos. O home ilustrado, da época modernista, non acerta a poñerse en actitude de súplica ante Deus, pois sabe que Deus non vai alterar o curso natural dos acontecementos para atender os seus desexos.
A natureza é «unha máquina» que funciona segundo unhas leis naturais, e o home é o único ser que pode actuar e transformar, só en parte, o mundo e a historia coa súa intervención.
Entón a oración de petición fica arrombada para cultivar outras formas de oración como a loanza, a acción de grazas ou a adoración, que se poden harmonizar mellor co pensamento moderno.
Outras veces a súplica da criatura ao seu Creador fica substituída pola meditación ou a inmersión da alma en Deus, misterio último da existencia e fonte de toda vida.
Con todo, a oración de súplica, tan controvertida polos seus posíbeis malentendidos, é decisiva para expresarmos e vivir desde a fe a nosa dependencia creatural ante Deus.
Non é estraño que o mesmo Xesús loe a fe grande dunha muller sinxela que sabe suplicar de xeito insistente a súa axuda. A Deus pódeselle invocar desde calquera situación. Desde a felicidade e desde a adversidade; desde o benestar e desde o sufrimento.
O home ou a muller que eleva a Deus a súa petición non se dirixe a un Ser apático ou indiferente ao sufrimento das súas criaturas, senón a un Deus que pode saír do seu ocultamento e manifestar a súa proximidade aos que lle suplican.
Pois diso se trata. Non de utilizar a Deus para conseguir os nosos obxectivos, senón de buscar e pedir a proximidade de Deus naquela situación. E a experiencia da proximidade de Deus non depende primariamente de que se cumpran os nosos desexos.
O crente pode experimentar de moitos xeitos a proximidade de Deus, independentemente de como se resolva o noso problema. Recordemos a sabia advertencia de santo Agostiño: «Deus escoita a túa chamada se o buscas a el. Non te escoita se, a través del, buscas outra cousa».
Non é este o tempo do cumprimento definitivo. O mal non está vencido de xeito total. O orante experimenta a contradición entre a desgraza que padece e a salvación definitiva prometida por Deus. Por iso toda súplica e petición concreta a Deus fica sempre envolta nesa gran súplica que nos ensinou o mesmo Xesús: «Veña a nós o teu reino», o reino da salvación e da vida definitiva.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire