A NOSA IMAXE DE XESÚS
A pregunta de Xesús: «Quen dicides vós que son eu?», segue pedindo aínda unha resposta aos crentes do noso tempo. Non todos temos a mesma imaxe de Xesús. E isto non só polo carácter inesgotábel da súa personalidade, senón, sobre todo, porque cada un imos elaborando a nosa imaxe de Xesús a partir dos nosos intereses e preocupacións, condicionados pola nosa psicoloxía persoal e o medio social ao que pertencemos, e marcados pola formación relixiosa que recibimos.
E, con todo, a imaxe de Cristo que podamos ter cada un ten importancia decisiva para a nosa vida, pois condiciona o noso xeito de entendermos e vivir a fe. Unha imaxe empobrecida, unilateral, parcial ou falsa de Xesús conduciranos a unha vivencia empobrecida, unilateral, parcial ou falsa da fe. De aí a importancia de evitar posibles deformacións da nosa visión de Xesús e de purificar a nosa adhesión a el.
Por outra banda, é pura ilusión pensar que un cre en Xesús-Cristo porque «cre» nun dogma ou porque está disposto a crer «no que a santa Nai Igrexa cre». En realidade, cada crente cre no que cre el, é dicir, no que persoalmente vai descubrindo no seu seguimento de Xesús Cristo, aínda que, naturalmente, o faga dentro da comunidade cristiá.
Por desgraza, son bastantes os cristiáns que entenden e viven a súa relixión de tal xeito que, probabelmente, nunca poderán ter unha experiencia un pouco viva do que é atoparse persoalmente con Cristo.
Xa nunha época moi temperá da súa vida fixéronse unha idea infantil de Xesús, cando quizá non se suscitaron aínda con suficiente lucidez as cuestións e preguntas ás que Cristo pode responder.
Máis tarde xa non volveron repensaren a súa fe en Xesús Cristo, ben porque a consideran algo trivial e sen importancia algunha para as súas vidas, ben porque non se atreven a examinala con seriedade e rigor, ben porque se contentan con conservala de xeito indiferente e apática, sen eco algún no seu ser.
Desgraciadamente non sospeitan o que Xesús podería ser para eles. Marcel Légaut escribía esta frase dura, pero quizá moi real: «Eses cristiáns ignoran quen é Xesús e están condenados pola súa mesma relixión a non descubrilo xamais».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire