ADHESIÓN VIVA
A XESUCRISTO
Non é fácil tentar responder con sinceridade á pregunta de Xesús: «Quen dicides que son eu?». En realidade, quen é Xesús para nós? A súa persoa chéganos a través de vinte séculos de imaxes, fórmulas, devocións, experiencias, interpretacións culturais… que van desvelando e velando ao mesmo tempo a súa riqueza insondábel.
Pero, ademais, cada un de nós imos revestindo a Xesús do que somos nós. E proxectamos nel os nosos desexos, aspiracións, intereses e limitacións. E case sen darnos conta empequenecémolo e desfigurámolo, mesmo cando tratamos de exaltalo.
Pero Xesús segue vivo. Os cristiáns non o puidemos disecar coa nosa mediocridade. Non permite que o disfracemos. Non se deixa etiquetar nin reducir a uns ritos, a unhas fórmulas ou a uns costumes.
Xesús sempre desconcerta a quen se achega a el con postura aberta e sincera. Sempre é distinto do que esperabamos. Sempre abre novas brechas na nosa vida, rompe os nosos esquemas e atráenos a unha vida nova. Canto máis se lle coñece, máis sabe un que aínda está a empezar a descubrilo.
Xesús é perigoso. Percibimos nel unha entrega aos homes e mulleres que desenmascara o noso egoísmo. Unha paixón pola xustiza que sacode as nosas seguridades, privilexios e egoísmos. Unha tenrura que deixa ao descuberto nosa mesquindade. Unha liberdade que racha as nosas mil escravitudes e servidumes.
E, sobre todo, intuímos nel un misterio de apertura, proximidade e proximidade a Deus que nos atrae e nos convida a abrirmos a nosa existencia ao Pai. A Xesús irémolo coñecendo na medida na que nos entreguemos a el. Só hai un camiño para profundar no seu misterio: seguilo.
Seguir humildemente os seus pasos, abrírmonos con el ao Pai, reproducir os seus xestos de amor e tenrura, mirar a vida cos seus ollos, compartir o seu destino doloroso, esperar a súa resurrección. E, sen dúbida, orar moitas veces desde o fondo do noso corazón: «Creo, Señor, axuda á miña incredulidade».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire