CONFIANZA, SI,
FRIVOLIDADE, NON
A sociedade moderna vai impondo cada vez con máis forza un estilo de vida marcado polo pragmatismo do inmediato. Apenas interesan as grandes cuestións da existencia. Xa non temos certezas firmes nin conviccións profundas. Aos poucos, ímonos convertendo en seres triviais, cargados de tópicos, sen consistencia interior nin ideais que alenten o noso vivir diario, máis aló do benestar e a seguridade do momento.
É moi significativo observar a actitude xeneralizada de non poucos cristiáns ante a cuestión da «salvación eterna» que tanto preocupaba só hai poucos anos: bastantes borrárona sen máis da súa conciencia; algúns, non se sabe ben por que, séntense con dereito a un «final feliz»; outros xa non pensan nin en premios nin en castigos.
Segundo o relato de Lucas, un descoñecido fai a Xesús unha pregunta frecuente naquela sociedade relixiosa: «Serán pouco os que se salven?». Xesús non responde directamente á súa pregunta. Non lle interesa especular sobre ese tipo de cuestións, tan queridas por algúns mestres da época. Vai directamente ao esencial e decisivo: como habemos de actuar para non quedar excluídos da salvación que Deus ofrece a todos?
«Esforzados en entrar pola porta estreita». Estas son as súas primeiras palabras. Deus ábrenos a todos a porta da vida eterna, pero habemos esforzarnos e traballar para entrarmos por ela. Esta é a actitude sa. Confianza en Deus, si; frivolidade, despreocupación e falsas seguridades, non.
Xesús insiste, sobre todo, en non enganarnos con falsas seguridades. Non basta pertencer ao pobo de Israel; non é suficiente coñecermos persoalmente a Xesús polos camiños de Galilea. O decisivo é entrarmos desde agora no reino de Deus e a súa xustiza. De feito, os que fican fóra do banquete final son, literalmente, «os que practican a inxustiza».
Xesús invita á confianza e a responsabilidade. No banquete final do reino de Deus non se sentarán só os patriarcas e profetas de Israel. Estarán tamén pagáns vindos de todos os recunchos do mundo. Estar dentro ou estar fóra depende de como responde cada un á salvación que Deus ofrece a todos.
Xesús termina cun proverbio que resume a súa mensaxe. En relación co reino de Deus, «hai últimos que serán primeiros, e primeiros que serán últimos». A súa advertencia é clara. Algúns que se senten seguros de seren admitidos poden ficar fóra. Outros que parecen excluídos de antemán poden quedar dentro.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire