QUE TOLERANCIA?
A tolerancia ocupa hoxe un lugar eminente entre as virtudes máis apreciadas en Occidente. Así o confirman todas as enquisas. Ser tolerante é hoxe un valor social cada vez máis xeneralizado. As novas xeracións non soportan xa a intolerancia ou a falta de respecto ao outro.
Habemos de celebrar este novo clima social despois de séculos de intolerancia e de violencia, perpetrada moitas veces en nome da relixión ou do dogma. Como se estremece hoxe a nosa conciencia ao ler obras como a excelente novela O herexe, de Miguel Delibes, e que gozo experimenta o noso corazón ante o seu canto apaixonado á tolerancia e á liberdade de pensamento.
Todo iso non impide que sexamos críticos cun tipo de «tolerancia» que máis que virtude ou ideal humano é desafección cara aos valores e indiferenza ante o sentido de calquera proxecto humano: cada quen pode pensar o que queira e facer o que lle pete, pois pouco importa o que a persoa faga coa súa vida. Esta «tolerancia» nace cando faltan principios claros para distinguirmos o ben do mal ou cando as esixencias morais fican diluídas ou se manteñen baixo mínimos.
A verdadeira tolerancia non é «nihilismo moral» nin cinismo ou indiferenza ante a erosión actual de valores. É respecto á conciencia do outro, apertura a todo valor humano, interese por todo o que fai ao ser humano máis digno deste nome. A tolerancia é un valor grande non porque non haxa verdade obxectiva nin moral algunha, senón porque o mellor modo de achegármonos a elas é o diálogo e a apertura mutua.
Cando non é así, axiña queda desenmascarada. Presúmese de tolerancia, pero reprodúcense novas exclusións e discriminacións. Afírmase o respecto a todos, pero descualifícase e ridiculizase a quen molesta. Como explicarmos que, nunha sociedade que se proclama tolerante, brote de novo a xenofobia ou se alimente a burla do relixioso?
Na dinámica da verdadeira tolerancia hai un desexo de buscarmos sempre o mellor para o ser humano. Ser tolerante é: dialogar, buscarmos xuntos, construír un futuro mellor sen desprezar nin excluír a ninguén. Pero non é: irresponsabilidade, abandono de valores, esquecemento das esixencias morais. A chamada de Xesús a entrar pola «porta estreita» non ten nada que ver cun rigorismo crispado e estéril. É unha chamada a vivir sen esquecermos as esixencias, ás veces ben urxentes, de toda vida digna do ser humano.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



