A CRUZ É OUTRA COUSA
É difícil non sentir desconcerto e malestar ao escoitarmos máis unha vez as palabras de Xesús: «Quen queira vir comigo, que se negue a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga.». Entendemos moi ben a reacción de Pedro, quen, ao oír a Xesús falar de rexeitamento e sufrimento, «lévao a un apartado e ponse a increpalo». Di o teólogo mártir Dietrich Bonhoeffer que esta reacción de Pedro «proba que, desde o principio, a Igrexa se escandalizou do Cristo sufrinte. Non quere que o seu Señor lle impóña a lei do sufrimento».
Este escándalo pode facerse hoxe insoportábel para os que vivimos no que Leszek Kolakowsky chama «a cultura de analxésicos», esa sociedade obsesionada por eliminar o sufrimento e malestar por medio de toda clase de drogas, narcóticos e evasións.
Se queremos clarificar cal ha ser a actitude cristiá, teremos de comprender ben en que consiste a cruz para o cristián, pois pode suceder que nós a poñamos onde Xesús nunca a puxo.
Nós chamamos facilmente «cruz» a todo aquilo que nos fai sufrir, ata a ese sufrimento que aparece na nosa vida xerado polo noso propio pecado ou o noso xeito equivocado de vivirmos. Pero non habemos confundir a cruz con calquera desgraza, contrariedade ou malestar que se produce na vida.
A cruz é outra cousa. Xesús chama aos seus discípulos a que o sigan fielmente e se poñan ao servizo dun mundo máis humano: o reino de Deus. Isto é o primeiro. A cruz non é senón o sufrimento que nos chegará como consecuencia dese seguimento; o destino doloroso que haberemos compartir con Cristo se seguimos realmente os seus pasos. Por iso non habemos confundir «levar a cruz» con posturas masoquistas, unha falsa mortificación ou o que o P. Evdokimov chama «ascetismo barato» e individualista.
Por outra banda, temos de entender correctamente o «negarse a si mesmo» que pide Xesús para cargar coa cruz e seguilo. «Negarse a si mesmo» non significa mortificarse de calquera xeito, castigarse a si mesmo e, menos aínda, anularse ou autodestruirse. «Negarse a si mesmo» é non vivir pendente dun mesmo, esquecerse do propio «ego», para construír a existencia sobre Xesús-Cristo Liberarnos de nós mesmos para adherirnos radicalmente a el. Dito doutro xeito, «levar a cruz» significa seguir a Xesús dispostos a asumir a inseguridade, a conflitividade, o rexeitamento ou a persecución que tivo de padecer o mesmo Crucificado.
Pero os crentes non vivimos a cruz como derrotados, senón como portadores dunha esperanza final. Todo aquel que perda a súa vida por Xesús-Cristo atoparaa. O Deus que resucitou a Xesús tamén nos ha resucitar a nós para unha vida en plenitude.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire