APRENDER DE XESÚS A ACTITUDE ANTE O SUFRIMENTO
Poucos aspectos da mensaxe evanxélica foron tan destorcidos como a chamada de Xesús a «tomar a cruz». Por iso é polo que non poucos cristiáns teñen ideas bastante confusas sobre a actitude cristiá ante o sufrimento. Lembremos algúns datos que non debemos ignorar, se queremos seguir ao Crucificado con maior fidelidade.
En Xesús non atopamos ese sufrimento que hai tantas veces en nós, xerado polo noso propio pecado ou a nosa maneira desacertada de vivir. Xesús non coñeceu os sufrimentos que nacen da envexa, o resentimento, o baleiro interior ou o apego egoísta ás cousas e ás persoas. Hai, por tanto, na nosa vida un sufrimento (segundo os expertos, pode chegar nalgunhas persoas ao 90% do que sofren) que habemos de ir eliminando precisamente se queremos seguir a Xesús.
Por outra banda, Xesús non ama nin busca arbitrariamente o sufrimento nin para el nin para os demais, coma se o sufrimento encerrase algo especialmente grato a Deus. É un erro crer que un segue máis de cerca a Cristo porque busca sufrir arbitrariamente e sen necesidade algunha. O que agrada a Deus non é o sufrimento, senón a actitude con que unha persoa asume o sufrimento en seguimento fiel a Cristo.
Xesús, ademais, comprométese con todas as súas forzas para facer desaparecer no mundo o sufrimento. Toda a súa vida foi unha loita constante por arrincar ao ser humano dese padecemento que se esconde na enfermidade, a fame, a inxustiza, os abusos, o pecado ou a morte.
Que queira seguilo non poderá ignorar aos que sofren. Ao contrario, a súa primeira tarefa será quitar sufrimento da vida dos homes e mulleres. Como dixo un teólogo, «non hai dereito a ser feliz sen os demais nin contra os demais» (Ignacio Larrañeta).
Por último, cando Xesús se atopa co sufrimento provocado por quen se opón á súa misión, non o elimina, senón que o asume en actitude de fidelidade total ao Pai e de servizo incondicional aos homes.
Primeiro de nada, «tomar a cruz» é seguir fielmente a Xesús e aceptar as consecuencias dolorosas que se seguirán, sen dúbida, deste seguimento. Hai rexeitamentos, padecementos e danos que o cristián ha de asumir sempre. É o sufrimento que só poderiamos facer desaparecer da nosa vida, deixando de seguir a Cristo. Aí está para cada un de nós a cruz que habemos levar seguindo os seus pasos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



