INDIFERENZA PROGRESIVA
A crise relixiosa vai tornando aos poucos cara á indiferenza. De ordinario non se pode falar propiamente de ateísmo, nin sequera de agnosticismo. O que mellor define a postura de moitos é unha indiferenza relixiosa onde xa non hai preguntas nin dúbidas nin crises.
Non é fácil describir esta indiferenza. O primeiro que se observa é unha ausencia de inquietude relixiosa. Deus xa non interesa. A persoa vive na despreocupación, sen nostalxias nin horizonte relixioso algún. Non se trata dunha ideoloxía. É, máis ben, unha «atmósfera envolvente» onde a relación con Deus fica diluída.
Hai diversos tipos de indiferenza. Algúns viven nestes momentos un aloxamento progresivo; son persoas que se van distanciando cada vez máis da fe, cortan lazos co relixioso, afástanse da práctica; aos poucos, Deus vaise apagando nas súas conciencias. Outros viven sinxelamente absorbidos polas cousas de cada día; nunca se interesaron moito por Deus; probabelmente recibiron unha educación relixiosa débil e deficiente; hoxe viven esquecidos de todo.
Nalgúns, a indiferenza é froito dun conflito relixioso vivido por veces en segredo; sufriron medos ou experiencias frustrantes; non gardan un bo recordo do que viviron de nenos ou de adolescentes; non queren oír falar de Deus, pois failles dano; deféndense esquecéndoo.
A indiferenza doutros é máis ben un resultado de circunstancias diversas. Saíron do pequeno pobo e hoxe viven de xeito diferente nun ambiente urbano; casaron con alguén pouco sensíbel ao relixioso e cambiaron de costumes; separáronse do seu primeiro cónxuxe e viven nunha situación de parella non «bendicida» pola Igrexa. Non é que estas persoas tomen a decisión de abandonar a Deus, pero de feito a súa vida vaise afastando del.
Hai aínda outro tipo de indiferenza encuberta pola piedade relixiosa. É a indiferenza dos que se afixeron a viviren a relixión coma unha «práctica externa» ou unha «tradición rutineira». Todos debemos escoitar a queixa de Deus. Recórdanola Xesús con palabras tomadas do profeta Isaías: «Este pobo hónrame cos beizos, pero o seu corazón está lonxe de min».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



