SEN EXCLUÍR
Xesús asiste a un banquete convidado por un dos principais fariseos da rexión. É unha comida especial de sábado, preparada desde a véspera con todo esmero. Como é costume, os invitados son amigos do anfitrión, fariseos de gran prestixio, doutores da lei, modelo de vida relixiosa para todo o pobo.
Ao parecer, Xesús non se sente cómodo. Bota en falta aos seus amigos os pobres. Aquelas xentes que atopa mendigando polos camiños. Os que nunca son invitados por ninguén. Os que non contan: os excluídos da convivencia, esquecidos pola relixión, desprezados por case todos.
Antes de despedirse, Xesús diríxese ao que o invitou. Non é para agradecerlle o banquete, senón para sacudir a súa conciencia e invitalo a vivir cun estilo de vida menos convencional e máis humano: «Non invites aos teus amigos, nin aos teus irmáns, nin aos teus parentes nin aos veciños ricos porque corresponderanche invitándote. Invita aos pobres, eivados, aleixados, coxos e cegos; ditoso ti porque non poden pagarche; pagaranche cando resuciten os xustos».
Unha vez máis, Xesús esfórzase por humanizar a vida rompendo, se fai falta, esquemas e criterios de actuación que nos poden parecer moi respectábeis, pero que, no fondo, están indicando a nosa resistencia a construír ese mundo máis humano e fraterno, querido por Deus.
De ordinario, vivimos instalados nun círculo de relacións familiares, sociais, políticas ou relixiosas coas que nos axudamos mutuamente a coidar dos nosos intereses deixando fóra a quen nada nos poden aportar. Invitamos aos que, á súa vez, poden invitarnos. Iso é todo.
Escravos dunhas relacións interesadas, non somos conscientes de que o noso benestar só se sostén excluíndo a quen máis necesitan da nosa solidariedade gratuíta para poderen vivir. Temos de escoitar os gritos evanxélicos do papa Francisco na pequena illa de Lampedusa: «A cultura do benestar fainos insensíbeis aos gritos dos demais». «Caemos na globalización da indiferenza». «Perdemos o sentido da responsabilidade».
Os seguidores de Xesús temos de recordar que abrir camiños ao reino de Deus non consiste en construírmos unha sociedade máis relixiosa ou en promovermos un sistema político alternativo a outros tamén posíbeis, senón, ante todo, en xerar e desenvolver unhas relacións máis humanas que fagan posíbel unhas condicións de vida digna para todos empezando polos últimos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire