GRATIS
Hai unha «benaventuranza» de Xesús que os cristiáns ignoramos. «Cando deas un banquete, convida os pobres, aleixados, coxos e cegos. Ditoso ti se non che poden pagar». En realidade fáisenos difícil entender estas palabras, pois a linguaxe da gratuidade resúltanos estraña e incomprensíbel.
Na nosa «civilización do posuír», case nada hai gratuíto. Todo se intercambia, se presta, se debe ou se esixe. Ninguén cre que «é mellor dar que recibir». Só sabemos prestar servizos remunerados e «cobrar intereses» por todo o que facemos ao longo dos días.
Con todo, os momentos máis intensos e culminantes da vida son aqueles nos que sabemos vivir a gratuidade. Só na entrega desinteresada se pode saborear o verdadeiro amor, o gozo, a solidariedade, a confianza mutua. Di Gregorio Nacianzeno que «Deus fixo ao home cantor da súa irradiación», e, certamente, nunca o home é tan grande como cando sabe irradiar amor gratuíto e desinteresado.
Non poderiamos sermos máis xenerosos cos que nunca nos poderán devolver o que fagamos por eles? Non poderiamos achegármonos aos que vive sós e desvalidos, pensando só no seu ben? Viviremos sempre buscando o noso interese?
Afeitos a corrermos detrás de toda clase de goces e satisfaccións, atreverémonos a saborear a esta oculta, pero auténtica alegría, que se encerra na entrega gratuíta a quen nos necesita? Ese seguidor fiel de Xesús que foi Charles Péguy vivía convencido de que na vida «o que perde, gana».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




