HABITAR NUN ESPAZO CREADO POR XESÚS
Ao parecer, ás primeiras xeracións cristiás non lles preocupaba moito o número. A finais do século I eran só uns vinte mil, perdidos no medio do Imperio romano. Eran moitos ou eran poucos? Eles formaban a Igrexa de Xesús, e o importante era viviren do seu Espírito. Paulo convida constantemente aos membros das súas pequenas comunidades a que «vivan en Cristo». O cuarto evanxeo exhorta aos seus lectores a que «permanezan nel».
Mateu, pola súa banda, pon nos beizos de Xesús estas palabras: «Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles». Na Igrexa de Xesús non se pode estar de calquera xeito: por costume, por inercia ou por medo. Os seus seguidores han estaren «reunidos no seu nome», converténdose a el, alimentándose do seu evanxeo. Esta é tamén hoxe a nosa primeira tarefa, aínda que sexamos poucos, aínda que sexamos dous ou tres.
Reunirse no nome de Xesús é crear un espazo para vivir a existencia enteira ao redor del e desde o seu horizonte. Un espazo espiritual ben definido non por doutrinas, costumes ou prácticas, senón polo Espírito de Xesús, que nos fai vivir co seu estilo.
O centro deste «espazo Xesús» ocúpao a narración do evanxeo. É a experiencia esencial de toda comunidade cristiá: «facer memoria de Xesús», lembrar as súas palabras, acollelas con fe e actualizalas con gozo. Esa arte de acoller o evanxeo desde a nosa vida permítenos entrar en contacto con Xesús e vivir a experiencia de irmos crecendo como discípulos e seguidores seus.
Neste espazo creado no seu nome imos camiñando, non sen debilidades e pecado, cara á verdade do evanxeo, descubrindo xuntos o núcleo esencial da nosa fe e recuperando a nosa identidade cristiá no medio dunha Igrexa ás veces tan debilitada pola rutina e tan paralizada polos medos.
Este espazo dominado por Xesús é o primeiro que temos de coidar, consolidar e profundar nas nosas comunidades e parroquias. Non nos enganemos. A renovación da Igrexa comeza sempre no corazón de dous ou tres crentes que se reúnen no nome de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



