SEGUIDORES LÚCIDOS
É un erro pretender sermos «discípulos» de Xesús sen detérmonos a reflexionar sobre as esixencias concretas que encerra seguir os seus pasos e sobre as forzas coas que temos de contar para iso. Nunca pensou Xesús en seguidores inconscientes, senón en persoas lúcidas e responsábeis.
As dúas imaxes que emprega Xesús son moi concretas. Ninguén se pon a «construír unha torre» sen reflexionar sobre como debe actuar para lograr acabala. Sería un fracaso empezar a «construír» e non poder levar a bo fin a obra iniciada.
O Evanxeo que propón Xesús é un xeito de «construír» a vida. Un proxecto ambicioso, capaz de transformar a nosa existencia. Por iso non é posíbel vivirmos de xeito evanxélico sen detérmonos a reflexionar sobre as decisións que temos de tomar en cada momento.
Tamén é claro o segundo exemplo. Ninguén se enfronta de xeito inconsciente a un adversario que lle vén a atacar cun exército moito máis poderoso sen reflexionar previamente se aquel combate terminará en vitoria ou será unha derrota. Seguirmos a Xesús é enfrontarse cos adversarios do reino de Deus e a súa xustiza. Non é posíbel loitar a favor do reino de Deus de calquera xeito. Necesítase lucidez, responsabilidade e decisión.
Nos dous exemplos repítese o mesmo: as dúas personaxes «sentan» a reflexionaren sobre as esixencias, os riscos e as forzas con que contan para levaren a cabo o seu cometido. Segundo Xesús, entre os seus seguidores sempre será necesaria a meditación, o debate, a reflexión. Pola contra, o proxecto cristián pode ficar inacabado.
É un erro afogar o diálogo e impedir o debate na Igrexa de Xesús. Necesitamos máis do que nunca deliberarmos xuntos sobre a conversión que temos de vivir hoxe os seus seguidores. «Sentarnos» para pensar con que forzas habemos construír o reino de Deus na sociedade moderna. En de non, pola contra, a nosa evanxelización será unha «torre inacabada».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire