PERDOAR FAINOS BEN
As grandes escolas de psicoterapia apenas estudaron a forza curadora do perdón. Até hai moi pouco, os psicólogos non lle concedían un papel no crecemento dunha personalidade sa. Pensábase erroneamente –e séguese aínda a pensar– que o perdón é unha actitude puramente relixiosa.
Por outra banda, a mensaxe do cristianismo reduciuse con frecuencia a exhortar ás xentes a perdoaren con xenerosidade, fundamentando ese comportamento no perdón que Deus nos concede, pero sen ensinar moito máis sobre os camiños que hai que percorrer para chegar a perdoar de corazón. Non é, pois, estraño que haxa persoas que o ignoren case todo sobre o proceso do perdón.
Con todo, o perdón é necesario para convivirmos de maneira sa: na familia, onde os rozamentos da vida diaria poden xerar frecuentes tensións e conflitos. Na amizade e o amor, onde hai que saber actuar ante humillacións, enganos e infidelidades posíbeis. En múltiples situacións da vida, nas que temos de reaccionar ante agresións, inxustizas e abusos. Quen non sabe perdoar pode quedar ferido para sempre.
Hai algo que é necesario aclarar desde o comezo. Moitos cren seren incapaces de perdoaren porque confunden a cólera coa vinganza. A cólera é unha reacción sa de irritación ante a ofensa, a agresión ou a inxustiza sufrida: o individuo rebélase de maneira case instintiva para defender a súa vida e a súa dignidade. Pola contra, o odio, o resentimento e a vinganza van máis aló desta primeira reacción; a persoa vengativa busca facer dano, humillar e até destruír a quen lle fixo mal.
Perdoar non quere dicir necesariamente reprimir a cólera. Ao contrario, reprimir estes primeiros sentimentos pode ser danoso se a persoa acumula no seu interior unha ira que máis tarde se desviará cara a outras persoas inocentes ou cara a ela mesma. É máis san recoñecer e aceptar a cólera, compartindo talvez con alguén a rabia e a indignación.
Logo será máis fácil serenarse e tomar a decisión de non seguir alimentando o resentimento nin as fantasías de vinganza, para non facérmonos máis dano. A fe nun Deus perdoador é entón para o crente un estímulo e unha forza inestimábeis. A quen vive do amor incondicional de Deus resúltalle máis fácil perdoar.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire