CONFIAR NA BONDADE DE DEUS
Cada vez estou mais convencido de que moitos dos que se din ateos son homes e mulleres que, cando rexeitan a Deus, están a rexeitar en realidade un «ídolo mental» que fabricaron cando eran nenos. A idea de Deus que levan no seu interior e coa que viviron durante algúns anos quedóuselles pequena. Chegado un momento, ese Deus resultoulles un ser tan estraño, incómodo e molesto que prescindiron del.
Non me custa comprender a estas persoas. Dialogando con algunha delas lembrei máis dunha vez aquelas certeiras palabras do patriarca Máximos IV durante o Concilio: «Eu tampouco creo no deus en que os ateos non cren». En realidade, o deus que algúns suprimiron das súas vidas é unha caricatura que se formaron falsamente del. Se baleiraron a súa alma dese «deus falso», non será para deixar sitio algún día ao Deus verdadeiro?
Como pode hoxe unha persoa atoparse con Deus? Se se achega aos que nos dicimos crentes, é fácil que nos encontre rezando, non ao Deus verdadeiro, senón a un pequeno ídolo sobre o que proxectamos os nosos intereses, medos e obsesións. Un Deus do que pretendemos apropiarnos e ao que tentamos utilizar para o noso proveito, esquecendo a súa inmensa e incomprensíbel bondade con todos.
Xesús rompe todos os nosos esquemas cando nos presenta na parábola do «señor da viña» a ese Deus que «dá a todos o seu denario», merézano ou non, e di así aos que protestan: «Vas ter ti envexa porque eu son bo?».
Deus é bo con todos, merézano ou non, sexan crentes ou ateos. A súa bondade misteriosa está máis aló da fe dos crentes e da non crenza dos ateos.
O que temos de facer é esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio no noso interior, escoitar ata o fondo a vida que palpita en nós… e esperar, confiar, deixar aberto o noso ser. Deus non se oculta indefinidamente a quen o busca con sincero corazón.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



