PARA XESÚS, OS ÚLTIMOS SON OS PRIMEIROS
Xesús coñeceu unha sociedade dividida por barreiras de separación e atravesada por complexas discriminacións. Nela atopamos xudeus que poden entrar no templo e pagáns excluídos do culto; persoas «puras» coas que se pode tratar e persoas «impuras» ás que hai que evitar; «próximos» aos que se debe amar e «non próximos» aos que se pode abandonar; homes «piadosos» observantes da lei e «xentes malditas» que nin coñecen nin cumpren o prescrito; persoas «sas» bendicidas por Deus e «enfermos» malditos que non teñen acceso ao templo; persoas «xustas» e homes e mulleres «pecadores».
A actuación de Xesús nesta sociedade resulta tan sorprendente que aínda hoxe nos resistimos a aceptala. Non adopta a postura dos grupos fariseos, que evitan todo contacto con impuros e pecadores. Non segue a actitude elitista de Qumrán, onde se redactan listas precisas dos que quedan excluídos da comunidade.
Xesús achégase precisamente aos máis discriminados. Senta a comer con publicanos. Deixa bicar os pés a unha pecadora. Toca coa súa man aos leprosos. Busca salvar «o que está perdido». A xente chámao «amigo de pecadores». Con insistencia provocativa vai repetindo que «os últimos serán os primeiros», e que os publicanos e as prostitutas van por diante de escribas e sacerdotes no camiño do reino de Deus.
Quen sospeita hoxe realmente que os alcohólicos, vagabundos, esmoleiros e todos os que forman o refugallo da sociedade poden ante Deus seren os primeiros? Quen se atreve a pensar que as prostitutas, os heroinómanos ou os afectados pola SIDA poden preceder a non poucos eclesiásticos de vida inmaculada?
Con todo, aínda que xa case ninguén volo diga, vós, os indesexábeis e anatematizados, tedes que saber que o Deus revelado en Xesús Cristo segue sendo realmente o voso amigo. Vós podedes «entender» e acoller o perdón de Deus mellor do que moitos cristiáns que non senten necesidade de arrepentírense de nada.
Cando nós vos evitamos, Deus achégase a vós. Cando nós vos humillamos, el deféndevos. Cando vos desprezamos, acóllevos. No máis escuro da vosa noite non estades sos. No máis profundo da vosa humillación non estades abandonados. Non hai sitio para vós na nosa sociedade nin no noso corazón. Por iso precisamente tedes un lugar privilexiado no corazón de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



