ROMPER A INDIFERENZA
Segundo Lucas, cando Xesús gritou: «non podedes servir a Deus e ao diñeiro», algúns fariseos que o estaban a oír e eran amigos do diñeiro «ríanse del». Xesús non se bota atrás. Ao pouco tempo, narra unha parábola esguizante para que os que viven escravos da riqueza abran os ollos.
Xesús describe en poucas palabras unha situación sangrante. Un home rico e un esmoleiro pobre que viven próximos un do outro, están separados polo abismo que hai entre a vida de opulencia insultante do rico e a miseria extrema do pobre.
O relato describe as dúas personaxes destacando fortemente o contraste entre ambos. O rico vai vestido de púrpura e de liño finísimo, mentres o corpo do pobre está cuberto de chagas. O rico banquetea esplendidamente non só os días de festa senón a cotío; o pobre está tirado no seu portal, sen poder levar á boca o que cae da mesa do rico. Só os canciños que veñen buscaren algo no lixo se achegan a lamberlle as súas chagas.
Non se fala en ningún momento de que o rico explotou ao pobre ou que o maltratou ou desprezado. Diríase que non fixo nada malo. Con todo, a súa vida enteira é inhumana, pois só vive para o seu propio benestar. O seu corazón é de pedra. Ignora totalmente ao pobre. Teno diante dos ollos pero non o ve. Está aí mesmo, enfermo, famento e abandonado, pero non é capaz de cruzar a porta para facerse cargo del.
Non nos enganemos. Xesús non está denunciando só a situación da Galilea dos anos trinta. Está tratando de sacudir a conciencia de quen nos afixemos a vivirmos na abundancia tendo a carón do noso portal, a só unhas horas de voo, a pobos enteiros vivindo e morrendo na miseria máis absoluta.
É inhumano encerrármonos na nosa «sociedade do benestar» ignorando totalmente esoutra «sociedade do malestar». É cruel seguirmos alimentando esa «secreta ilusión de inocencia» que nos permite vivirmos coa conciencia tranquila pensando que a culpa é de todos e de ninguén.
A nosa primeira tarefa é rompermos a indiferenza. Resistírmonos a seguir gozando dun benestar baleiro de compaixón. Non continuarmos illándonos mentalmente para desprazarmos a miseria e a fame que hai no mundo cara a un arredamento abstracto, para podermos así vivir sen oír ningún clamor, xemido ou choro.
O Evanxeo pódenos axudar a vivirmos vixiantes, sen volvérmonos cada vez máis insensíbeis aos sufrimentos dos abandonados, sen perdermos o sentido da responsabilidade fraterna e sen permanecermos pasivos cando podemos actuar.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire