O PERIGO DE AFOGAR A VOZ DOS PROFETAS
Cando o ano 70 as tropas romanas destruíron Xerusalén e o pobo xudeu desapareceu como nación, os cristiáns fixeron unha lectura terribles deste tráxico feito. Israel, aquel pobo tan querido por Deus, non soubo responder as súas chamadas. Os seus dirixentes relixiosos foron matando os profetas enviados por el; crucificando, por último, ao seu propio Fillo. Agora, Deus abandónaos e permite a súa destrución: Israel será substituído pola Igrexa cristiá.
Así lían os primeiros cristiáns a parábola dos «viñateiros homicidas», dirixida por Xesús aos sumos sacerdotes de Israel. Os labradores encargados de coidar a «viña do Señor» van matando un tras outro aos criados que el lles envía para recoller os froitos. Por último matan tamén o fillo do propietario, coa intención de suprimir ao herdeiro e ficaren coa viña. O señor non pode facer outra cousa que darlles morte e entregar a súa viña a outros labradores máis fieis.
Esta parábola non foi recollida polos evanxelistas para alimentar o orgullo de la Igrexa, o novo Israel, fronte ao pobo xudeu, derrotado por Roma e dispersado por todo o mundo. A preocupación era outra: pódelle suceder á Igrexa cristiá o mesmo que lle sucedeu ao antigo Israel? Pode defraudar as expectativas de Deus? E se a Igrexa non produce os froitos que el espera, que camiños seguirá Deus para levar a cabo os seus plans de salvación?
O perigo sempre é o mesmo. Israel sentíase seguro: tiñan as Escrituras Sacras; posuían o templo; o culto celebrábase escrupulosamente; predicábase a Lei; defendíanse as institucións. Non parecía necesario nada novo. Bastaba conservalo todo en orde. É o máis perigoso que lle pode suceder a unha relixión: que afogue a voz dos profetas e que os sacerdotes, sentíndose os donos da «viña do señor», queiran administrala como propiedade súa.
Ese perigo é tamén o noso. Pensarmos que a fidelidade de la Igrexa está garantida por pertencermos á Nova Alianza. Sentírmonos xa seguros por ter a Cristo en propiedade. Pero, Deus non é propiedade de ninguén. A súa viña só a El lle pertence. E se a Igrexa non produce os froitos que el espera, Deus seguirá abrindo novos camiños de salvación.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




