O RISCO DE DEFRAUDAR A DEUS
A parábola dos «viñadores homicidas» é tan dura que aos cristiáns cústanos pensar que esta advertencia profética, dirixida por Xesús aos dirixentes relixiosos do seu tempo, teña algo que ver connosco.
O relato fala duns labradores encargados por un señor para traballar a súa viña. Chegado o tempo da vendima sucede algo sorprendente e inesperado. Os labradores néganse a entregar a colleita. O señor non recollerá os froitos que tanto espera.
A súa ousadía é incríbel. Un tras outro van matando os criados que o señor lles envía para recolleren os froitos. Máis aínda. Cando lles envía ao seu propio fillo, bótano «fóra da viña» e mátano para quedaren como únicos donos de todo.
Que pode facer o señor da viña con eses labradores? Os dirixentes relixiosos, que escoitan nerviosos a parábola, sacan unha conclusión terríbel: faraos morrer e traspasará a viña a outros labradores «que lle entreguen os froitos ao seu tempo». Eles mesmos estanse condenando. Xesús díllelo á cara: «Por iso vos digo que se vos quitará a vós o reino de Deus e háselle dar a un pobo que produza os seus froitos».
Na «viña de Deus» non hai sitio para os que non achegan froitos. No proxecto do reino de Deus que Xesús anuncia e promove non poden seguir ocupando un lugar «labradores» indignos que non recoñezan o señorío do seu Fillo, porque se senten propietarios, señores e amos do pobo de Deus. Han ser substituídos por «un pobo que produza froitos».
Ás veces pensamos que esta parábola tan ameazadora vale para o pobo do Antigo Testamento, pero non para nós, que somos o pobo da Nova Alianza e temos xa a garantía de que Cristo estará sempre connosco.
É un erro. A parábola está a falar tamén de nós. Deus non ten por que bendicir un cristianismo estéril do que non recibe os froitos que espera. Non ten por que identificarse coas nosas incoherencias, desviacións e pouca fidelidade. Tamén agora Deus quere que os traballadores indignos da súa viña sexan substituídos por un pobo que produza froitos dignos do reino de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire