NA DEFENSA DA MULLER
O que máis facía sufrir ás mulleres na Galilea dos anos trinta do século I era o seu sometemento total ao home dentro da familia patriarcal. O esposo podía mesmo repudialas en calquera momento abandonándoas á súa sorte. Este dereito baseábase, segundo a tradición xudía, nada menos, que na lei de Deus.
Os mestres discutían sobre os motivos que podían xustificar a decisión do esposo. Segundo os seguidores de Shammai, só se podía repudiar á muller en caso de adulterio. Segundo Hillel, bastaba con que a muller fixese calquera cousa «desagradábel» aos ollos do seu marido. E mentres os homes doutos discutían, as mulleres non podían elevar a súa voz para defenderen os seus dereitos.
Nalgún momento, a formulación chegou ata Xesús: «Pode o home repudiar á súa esposa?» A súa resposta desconcertou a todos. As mulleres non acreditaban. Non o podían crer. Segundo Xesús, se o repudio está na lei, é pola «dureza de corazón» dos homes e a súa mentalidade machista, pero o proxecto orixinal de Deus non foi un matrimonio «patriarcal» dominado polo home.
Deus creou ao home e á muller para que fosen «unha soa carne». Os dous están chamados a compartiren o seu amor, a súa intimidade e a súa vida enteira, con igual dignidade e en comuñón total. De aí o berro de Xesús: «O que Deus uniu, que non o separe o home» coa súa actitude machista.
Deus quere unha vida máis digna, segura e estábel para esas esposas sometidas e maltratadas polo home nos fogares de Galilea. Non pode bendicir unha estrutura que xere superioridade do home e sometemento da muller. Despois de Xesús, ningún cristián poderá lexitimar desde o evanxeo nada que promova discriminación, exclusión ou submisión da muller.
Na mensaxe de Xesús hai unha predicación dirixida exclusivamente aos homes para que renuncien á súa «dureza de corazón» e promovan unhas relacións máis xustas e igualitarias entre home e muller. Onde se escoita hoxe esta mensaxe? Cando chama a Igrexa aos homes a esta conversión? Que estamos a facer os seguidores de Xesús para revisarmos e cambiarmos comportamentos, hábitos, costumes e leis que van claramente en contra da vontade orixinal de Deus ao crear ao home e á muller?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire