AUMÉNTANOS A FE
De xeito abrupto, os discípulos fanlle a Xesús unha petición vital: «Auméntanos a fe». Noutra ocasión pedíronlle: «Ensínanos a orar». A medida que Xesús lles descobre o proxecto de Deus e a tarefa que lles quere encomendar, os discípulos senten que non lles basta a fe que viven desde nenos para responderen á súa chamada. Necesitan unha fe máis robusta e vigorosa.
Pasaron máis de vinte séculos. Ao longo da historia, os seguidores de Xesús viviron anos de fidelidade ao Evanxeo e horas escuras de deslealdade. Tempos de fe recia e tamén de crise e incerteza. Non necesitamos pedir de novo ao Señor que aumente a nosa fe?
Señor, auméntanos a fe
Ensínanos que a fe non consiste en crer algo senón en crer en ti, Fillo encarnado de Deus, para abrirnos ao teu Espírito, deixarnos alcanzar pola túa Palabra, aprendermos a vivir co teu estilo de vida e seguir de cerca os teus pasos. Só ti es quen «inicia e consuma a nosa fe».
Auméntanos a fe
Dános unha fe centrada no esencial, purificada de adherencias e engadidos postizos, que nos afastan do núcleo do teu Evanxeo. Ensínanos a vivir nestes tempos unha fe, non fundada en apoios externos, senón na túa presenza viva nos nosos corazóns e nas nosas comunidades crentes.
Auméntanos a fe
Fainos vivir unha relación máis vital contigo, sabendo que ti, o noso Mestre e Señor, es o primeiro, o mellor, o máis valioso e atractivo que temos na Igrexa. Dános unha fe contaxiosa que nos oriente cara a unha fase nova de cristianismo, máis fiel ao teu Espírito e a túa traxectoria.
Auméntanos a fe
Fainos vivir identificados co teu proxecto do reino de Deus, colaborando con realismo e convicción en facer a vida máis humana, como quere o Pai. Axúdanos a vivir humildemente a nosa fe con paixón por Deus e compaixón polo ser humano.
Auméntanos a fe
Ensínanos a vivir converténdonos a unha vida máis evanxélica, sen resignarnos a un cristianismo rebaixado onde o sal se vai volvendo soso e desaborido. E onde a Igrexa vai perdendo estrañamente a súa calidade de fermento. Esperta entre nós a fe das testemuñas e dos profetas.
Auméntanos a fe
Non nos deixes caer nun cristianismo sen cruz. Ensínanos a descubrir que a fe non consiste en crer no Deus que nos convén senón naquel que fortalece a nosa responsabilidade e desenvolve a nosa capacidade de amar. Ensínanos a seguirte tomando a nosa cruz cada día.
Auméntanos a fe
Que te experimentemos resucitado no medio de nós renovando as nosas vidas e alentando as nosas comunidades.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire