A INVITACIÓN DE DEUS
Ao parecer, a parábola do banquete foi moi popular entre as primeiras xeracións cristiás, e quedou recollida en Lucas, Mateu e mesmo no evanxeo apócrifo de Tomás. As versións son tan diferentes e as aplicacións que se extraen tan diversas que só nos podemos aproximar aos elementos esenciais do relato orixinal.
Deus está a preparar unha festa final para todos os seus fillos, pois a todos os quere ver sentados, cabo del, ao redor dunha mesma mesa, gozando para sempre dunha vida plena. Esta foi certamente unha das imaxes máis queridas por Xesús para «suxerir» o final último da historia humana. Non se contentaba só con dicilo con palabras. Sentaba á mesa con todos, e comía ata con pecadores e indesexábeis, pois quería que todos puidesen ver plasticamente algo do que Deus desexaba levar a cabo.
Por iso Xesús entendeu a súa vida coma unha grande invitación en nome de Deus. Non impoñía nada, non aprisionaba a ninguén. Anunciaba a boa noticia de Deus, espertaba a confianza no Pai, quitaba os medos, acendía a alegría e o desexo de Deus. A todos debía chegar a súa invitación, sobre todo aos máis necesitados de esperanza.
Xesús era realista. Sabía que a invitación podía ser rexeitada. Na versión de Mateu vense diversas reaccións. Uns rexéitana de maneira consciente: «Non quixeron ir». Outros responden coa indiferenza: «Non fixeron caso». Impórtanlles máis as súas terras e negocios. Houbo quen reaccionou de maneira hostil contra os criados.
Son moitos os que xa non escoitan chamada algunha de Deus. Bástalles con respondérense a si mesmos ante si mesmos. Sen ser talvez moi conscientes diso, viven unha existencia «solitaria», encerrados nun monólogo perpetuo consigo mesmos. O risco sempre é o mesmo: vivir cada día máis xordos a toda chamada que poida transformar a súa vida de raíz.
Talvez unha das tarefas máis importantes da Igrexa hoxe sexa crear espazos e facilitar experiencias onde as persoas poidan escoitar de maneira sinxela, transparente e gozosa a invitación de Deus proclamada no evanxeo de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



