SON GRANDES, AÍNDA QUE NON O SAIBAN
Nunca ven o seu nome nos xornais. Ninguén lles cede o paso en algún lugar. Non teñen títulos nin contas correntes envexábeis, pero son grandes. Non posúen moitas riquezas, pero teñen algo que non se pode comprar con diñeiro: bondade, capacidade de acollida, tenrura e compaixón cara ao necesitado.
Homes e mulleres das moreas anónimas, xentes do montón aos que apenas valora ninguén, pero que van pasando pola vida pondo amor e agarimo ao seu ao redor. Persoas sinxelas e boas que só saben viviren botando unha man e facendo o ben.
Xentes que non coñecen o orgullo nin teñen grandes pretensións. Homes e mulleres aos que se lles atopa no momento oportuno, cando se necesita a palabra de ánimo, a mirada cordial, a man próxima.
Pais sinxelos e bos que toman tempo para escoitaren aos seus fillos pequenos, responder ás súas infinitas preguntas, gozar cos seus xogos e descubriren de novo, cabo deles, o mellor da vida.
Nais incansábeis que enchen o fogar de calor e alegría. Mulleres que non teñen prezo, pois saben dar aos seus fillos o que máis necesitan para enfrontárense confiadamente ao seu futuro.
Esposos que van madurando o seu amor día a día, aprendendo a ceder, coidando xenerosamente a felicidade do outro, perdoándose mutuamente nas millenta pequenas friccións que ten a vida.
Estas xentes descoñecidas son os que fan o mundo máis habitábel e a vida máis humana. Eles poñen un aire limpo e respirábel na nosa sociedade. Deles dixo Xesús que son grandes porque viven ao servizo dos demais.
Eles mesmos non o saben, pero grazas ás súas vidas ábrese paso nas nosas rúas e fogares a enerxía máis antiga e xenuína: a enerxía do amor. No deserto deste mundo, ás veces tan inhóspito, onde só parece crecer a rivalidade e o enfrontamento, eles son pequenos oasis nos que xorde a amizade, a confianza e a axuda mutua. Non se perden en discursos nin teorías. O deles é amaren caladiñamente e prestaren axuda a quen o necesite.
É posíbel que nunca ninguén lles agradeza nada. Probabelmente non se lles farán grandes homenaxes. Pero estes homes e mulleres son grandes porque son humanos. Aí está a súa grandeza. Eles son os mellores seguidores de Xesús, pois viven facendo un mundo máis digno, coma el. Sen sabelo, están abrindo camiños ao reino de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire