ACHAIAR O CAMIÑO CARA A XESÚS
«Entre vós hai un a quen non coñecedes». Estas palabras pronúnciaas o Bautista referíndose a Xesús, que se move xa entre quen se achegan ao Xordán a bautizárense, Por máis que aínda non se manifestou. Precisamente toda a súa preocupación é «achaiar o camiño» para que aquela xente poida crer nel. Así presentaban as primeiras xeracións cristiás a figura do Bautista.
Pero as palabras do Bautista están redactadas de tal forma que, lidas hoxe polos que nos dicimos cristiáns, provocan en nós preguntas inquietantes. Xesús está no medio de nós, pero, coñecémolo de verdade?, comulgamos con el?, seguímolo de cerca?
É certo que na Igrexa estamos sempre falando de Xesús. En teoría nada hai máis importante para nós. Pero logo vésenos virar tanto sobre as nosas ideas, proxectos e actividades que, non poucas veces, Xesús fica nun segundo plano. Somos nós mesmos quen, sen dármonos conta, o ocultamos co noso protagonismo?
Talvez, a maior desgraza do cristianismo é que haxa tantos homes e mulleres que se din «cristiáns», en cuxo corazón Xesús está ausente. Non o coñecen. Non vibran con el. Non os atrae nin seduce. Xesús é unha figura inerte e apagada. Está mudo. Non lles di nada especial que alente as súas vidas. A súa existencia non está marcada por Xesús.
Esta Igrexa necesita urxentemente de «testemuñas» de Xesús, crentes que se parezan máis a el, cristiáns que, co seu xeito de seren e de viviren, faciliten o camiño para crer en Cristo. Necesitamos testemuñas que falen de Deus como falaba el. Que comuniquen a súa mensaxe de compaixón como o facía el. Que contaxien confianza no Pai coma el.
De que serven as nosas catequeses e predicacións se non conducen a coñecermos, amarmos e seguirmos con máis fe e máis gozo a Xesús Cristo? En que fican as nosas eucaristías se non axudan a comulgarmos de xeito máis vivo con Xesús, co seu proxecto e coa súa entrega crucificada a todos? Na Igrexa ninguén é «a Luz», pero todos podemos irradiala coa nosa vida. Ninguén é «a Palabra de Deus», pero todos podemos sermos unha voz que invita e alenta a centrarmos o cristianismo en Xesús Cristo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire