A RELIXIÓN DE XESÚS
Canso do camiño, Xesús senta cabo do manancial de Xacobe, nas proximidades da aldea de Sicar. Ben axiña aparece unha muller samaritana para apagar a súa sede. Espontaneamente, Xesús comeza a falar con ela do que leva no seu corazón.
Nun momento da conversación, a muller suscítalle os conflitos que enfrontan a xudeus e samaritanos. Os xudeus peregrinan a Xerusalén para adorar a Deus. Os samaritanos soben ao monte Garizín, cuxa cume divisan desde o pozo de Xacobe. Onde hai que adorar a Deus? Cal é a verdadeira relixión? Que pensa o profeta de Galilea?
Xesús comeza por aclarar que o verdadeiro culto non depende dun lugar determinado, por moi venerábel que poida ser. O Pai do ceo non está atado a ningún lugar, e non é propiedade de ningunha relixión. Non pertence a ningún pobo concreto.
Non o habemos esquecer. Para atoparnos con Deus non é necesario ir a Roma ou peregrinar a Xerusalén. Non fai falta entrar nunha capela ou visitar unha catedral. Desde o cárcere máis secreto, desde a sa de coidados intensivos dun hospital, desde calquera cociña ou lugar de traballo podemos elevar o noso corazón cara a Deus.
Xesús non lle fala á samaritana de «adorar a Deus». A súa linguaxe é nova. Ata por tres veces lle fala de «adorar ao Pai». Por iso non é necesario subir a unha montaña para achegarnos un pouco a un Deus afastado, desentendido dos nosos problemas, indiferente aos nosos sufrimentos. O verdadeiro culto empeza por recoñecer a Deus como Pai querido que nos acompaña ben de pertiño ao longo da nosa vida.
Xesús dille algo máis. O Pai está buscando «verdadeiros adoradores». Non está esperando dos seus fillos grandes cerimonias, celebracións solemnes, incensos e procesións. O que desexa son corazóns sinxelos que lle adoren «en espírito e en verdade».
«Adorar ao Pai en espírito» é seguir os pasos de Xesús e deixármonos conducir coma el polo Espírito do Pai, que o envía sempre cara aos últimos. Aprender a ser compasivos como o é o Pai. Dío Xesús de xeito claro: «Deus é Espírito, e os que o adoran deben facelo en espírito». Deus é amor, perdón, tenrura, alento vivificador… e os que o adoran deben parecerse a el.
«Adorar ao Pai en verdade» é vivir na verdade. Volver unha e outra vez á verdade do evanxeo Ser fieis á verdade de Xesús sen encerrármonos nas nosas propias mentiras. Logo de vinte séculos de cristianismo, xa aprendemos a darlle culto verdadeiro a Deus? Somos os verdadeiros adoradores que busca o Pai?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire