ALGO NON VAI BEN
NA IGREXA
A escena foi recreada polo evanxelista Xoán, pero permítenos coñecer como era Xesús. Un profeta que sabe dialogar a soas e amistosamente cunha muller samaritana, pertencente a un pobo impuro, odiado polos xudeus. Un home que sabe escoitar a sede do corazón humano e restaurar a vida das persoas.
Xunto ao pozo de Sicar, ambos falan da vida. A muller convive cun home que non é o seu marido. Xesús sábeo, pero non se indigna nin llo recrimina. Fálalle de Deus e explícalle que é un «agasallo»: «Se coñeceses o don de Deus, todo cambiaría, mesmo a túa sede insaciábel de vida». No corazón da muller espértase unha pregunta: «Será este o Mesías?».
Algo non vai ben na nosa Igrexa se as persoas máis soas e maltratadas non se senten escoitadas e acollidas polos que dicimos seguir a Xesús. Como imos introducir no mundo o seu evanxeo sen «sentarnos» a escoitarmos o sufrimento, a desesperanza ou a soidade das persoas?
Algo non vai ben na nosa Igrexa se a xente nos ve case sempre como representantes da lei e da moral, e non como profetas da misericordia de Deus. Como van adiviñar» en nós a aquel Xesús que atraía ás persoas cara á vontade do Pai revelándolles o seu amor compasivo?
Algo non vai ben na nosa Igrexa cando a xente, perdida nunha escura crise de fe, pregunta por Deus e nós falámoslle do control de natalidade, o divorcio ou os preservativos. De que falaría hoxe coa xente aquel que dialogaba coa samaritana tratando de mostrarlle o mellor camiño para saciar a súa sede de felicidade?
Algo vai mal na nosa Igrexa se a xente non se sente querida por quen somos os seus membros. Dicíao santo Agostiño: «Se queres coñecer a unha persoa, non preguntes polo que pensa, pregunta polo que ama». Ouvimos falar moito do que pensa a Igrexa, pero os que sofren pregúntanse a que ama a Igrexa, a quen ama e como os ama. Que lles podemos responder desde as nosas comunidades cristiás?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire