ANTES QUE SEXA TARDE
Xa pasara tempo abondo desde que Xesús se presentou no seu pobo de Nazaret como Profeta, enviado polo Espírito de Deus para anunciar aos pobres a Boa Noticia. Segue repetindo incansábel a súa mensaxe: Deus está xa preto, abríndose camiño para facer un mundo máis humano para todos.
Pero é realista. Xesús sabe ben que Deus non pode cambiar o mundo sen que cambiemos nós. Por iso se esforza en espertar na xente a conversión: «Convertédevos e crede nesta Boa Nova». Ese empeño de Deus en facer un mundo máis humano será posíbel se respondemos acollendo o seu proxecto.
Vai pasando o tempo e Xesús ve que a xente non reacciona á súa chamada como sería o seu desexo. Son moitos os que veñen escoitalo, pero non acaban de abrírense ao «Reino de Deus». Xesús vai insistir. É urxente cambiar antes que sexa tarde.
Nalgunha ocasión conta unha pequena parábola. O propietario dun terreo ten plantada unha figueira no medio da súa viña. Ano tras ano, vén buscar froito nela e non o atopa. A súa decisión parece a máis sensata: a figueira non dá froito e está ocupando inutilmente un terreo, o máis razoábel é cortala.
Pero o encargado da viña reacciona de xeito inesperado. Por que non deixala aínda? El coñece aquela figueira, viuna crecer, coidouna, non quere vela morrer. El mesmo dedicaralle máis tempo e máis coidados, por ver se dá froito.
O relato interrómpese bruscamente. A parábola queda aberta. O dono da viña e o seu encargado desaparecen de escena. É a figueira a que ten de decidir a súa sorte final. Mentres tanto, recibirá máis coidados do que nunca dese viñador que nos fai pensar en Xesús, «el que veu buscar e salvar o que estaba perdido».
O que necesitamos hoxe na Igrexa non é só introducir pequenas reformas, promover o «aggiornamento» ou coidar a adaptación aos nosos tempos. Necesitamos unha conversación a nivel máis profundo, un «corazón novo», unha resposta responsábel e decidida á chamada de Xesús a entrar na dinámica do Reino de Deus.
Temos de reaccionar antes de que sexa tarde. Xesús está vivo no medio de nós. Como o encargado da viña, el coida das nosas comunidades cristiás, cada vez máis fráxiles e vulnerábeis. El aliméntanos co seu Evanxeo, sostennos co seu Espírito.
Temos de mirarmos o futuro con esperanza, ao mesmo tempo que imos creando ese clima novo de conversión e renovación que necesitamos tanto e que os decretos do Concilio Vaticano non puideron ata agora consolidar na Igrexa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire