LEMBRAR MÁIS A XESÚS
O relato dos discípulos de Emaús descríbenos a experiencia vivida por dous seguidores de Xesús mentres camiñaban desde Xerusalén cara á pequena aldea de Emaús, a oito quilómetros de distancia da capital. O narrador faino con tal mestría que nos axuda a reavivar tamén hoxe a nosa fe en Cristo resucitado.
Dous discípulos de Xesús afástanse de Xerusalén abandonando o grupo de seguidores que se foi formando ao redor del. Morto Xesús, o grupo vaise desfacendo. Sen el non ten sentido seguiren reunidos. O soño desvaneceuse. Ao morrer Xesús morre tamén a esperanza que espertara nos seus corazóns. Non está a suceder algo disto nas nosas comunidades? Non estamos a deixarmos morrer a fe en Xesús?
Con todo, estes discípulos seguen falando de Xesús. Non o poden esquecer. Comentan o sucedido. Tratan de buscaren algún sentido ao que viviron xunto a el. «Mentres conversan, Xesús achégase e ponse a camiñar con eles». É o primeiro xesto do Resucitado. Os discípulos non son capaces de recoñecelo, pero Xesús xa está presente camiñando cabo deles. Non camiña hoxe Xesús veladamente xunto a tantos crentes que abandonan a Igrexa pero o seguen lembrando?
A intención do narrador é clara: Xesús achégase cando os discípulos o lembran e falan del. Faise presente alí onde se comenta o seu Evanxeo, onde hai interese pola súa mensaxe, onde se conversa sobre o seu estilo de vida e o seu proxecto. Non estará Xesús tan ausente entre nós porque falamos pouco del?
Xesús está interesado en conversar con eles: «Que conversación é esa que traedes mentres ides de camiño?». Non se impón revelándolles a súa identidade. Pídelles que lle sigan contando a súa experiencia. Conversando con el irán descubrindo a súa cegueira. Abriránselles os ollos cando, guiados pola súa palabra, fagan un percorrido interior. É así. Se na Igrexa falamos máis de Xesús e conversamos máis con el, a nosa fe revivirá.
Os discípulos fálanlle das súas expectativas e decepcións; Xesús axúdalles a profundar na identidade do Mesías crucificado. O corazón dos discípulos comeza a arder; senten necesidade de que aquel «descoñecido» fique con eles. Ao celebraren a cea eucarística ábrenselles os ollos e recoñéceno: Xesús está con eles alimentando a súa fe!
Os cristiáns temos de lembrarmos máis a Xesús: citar as súas palabras, comentar o seu estilo de vida, profundar no seu proxecto. Temos de abrirmos máis os ollos da nosa fe e descubrilo cheo de vida nas nosas eucaristías. Xesús non está ausente. Camiña cabo de nós.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




