NON SERVE CALQUERA
Despois de comer cos seus á beira do lago, Xesús inicia unha conversación con Pedro. O diálogo foi traballado coidadosamente, pois ten como obxectivo lembrar algo de gran importancia para a comunidade cristiá: entre os seguidores de Xesús, só está capacitado para ser guía e pastor quen se distingue polo seu amor a el.
Non houbo ocasión en que Pedro non manifestase a súa adhesión absoluta a Xesús por encima dos demais. Con todo, no momento da verdade é o primeiro en negalo. Que hai de verdade na súa adhesión? Pode ser guía e pastor dos seguidores de Xesús?
Antes de confiarlle o seu «rabaño», Xesús faille a pregunta fundamental: «Ti ámasme máis ca estes?» Non lle pregunta: «Sénteste con forzas? Coñeces ben a miña doutrina? Veste capacitado para gobernar aos meus?» Non. É o amor a Xesús o que capacita para animar, orientar e alimentar aos seus seguidores, como o facía el.
Pedro respóndelle con humildade e sen compararse con ninguén: «Ti sabes que te quero». Pero Xesús repítelle aínda dúas veces máis a súa pregunta, de maneira cada vez máis incisiva: «Ámasme? Quéresme de verdade?» A inseguridade de Pedro vai crecendo. Cada vez se atreve menos a proclamarlle a súa adhesión. Ao final énchese de tristeza. Xa non sabe que responder: «Ti sábelo todo».
Na medida na que Pedro vai tomando conciencia da importancia do amor, Xesús vaille confiando o seu rabaño para que coide, alimente e comunique vida aos seus seguidores, empezando polos máis pequenos e necesitados: os «añiños», os «cordeiros».
Con frecuencia se relacionan a xerarcas e pastores tan só coa capacidade de gobernaren con autoridade ou de predicaren con garantía a verdade. Con todo, hai adhesións a Cristo, firmes, seguras e absolutas, que, baleiras de amor, non os capacitan para coidaren e guiaren aos seguidores de Xesús.
Poucos factores son máis decisivos para a conversión da Igrexa do que a conversión dos xerarcas, bispos, sacerdotes e dirixentes relixiosos ao amor a Xesús. Somos nós os primeiros que temos de escoitarmos a súa pregunta: «Ámasme máis do que estes? Amas aos meus cordeiros e ás miñas ovellas?».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire